A CIG SOLICITA A MODIFICACIÓN DA RESOLUCIÓN DE CONVOCATORIA DO CONCURSO DE POSTOS DE LIBRE DESIGNACIÓN
O pasado venres 12/09/2025 remitimos á Dirección Xeral de Xustiza o seguinte escrito, para que se revisara e modificara a convocatoria do concurso de traslados de prazas de libre designación:
"No DOG de hoxe publicouse a RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan, para a provisión polo sistema de libre designación, postos de traballo dos corpos de xestión procesual e administrativa e de tramitación procesual e administrativa da Administración de xustiza, sen que a CIG tivera coñecemento previo do seu contido.
Observamos que na mesma non se describen os postos ofertados nin as funcións e tarefas que se desenvolven nos mesmos. O art. 57 do RD 1451/2005, polo que se aproba o Regulamento de Ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de Xustiza establece que “...corresponde ao Ministerio de Xustiza ou aos órganos correspondentes das comunidades autónomas con traspasos recibidos e, no ámbito do seu respectivo territorio, a convocatoria pública para cubrir postos de traballo polo procedemento de libre designación na que, ademais da descrición do posto e requisitos para o seu desempeño, contidos na relación de postos de traballo, poderán recollerse as especificacións derivadas da natureza das funcións a este encomendadas...”
Na resolución publicada o 12/09/2025 non se describen os postos nin os requisitos para o seu desempeño. Pero é que na Resolución do 29 de agosto de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se aproban as relacións de postos de traballo da Secretaría de Goberno e das oficinas de xustiza, fase III, tampouco aparece esa descrición do posto.
Isto supón que as persoas interesadas nas prazas non teñan ningún coñecemento de que funcións van ter neses postos, máxime cando non se trata dun órgano xudicial, polo que non son de carácter procesual.
Por todo iso solicitamos que se modifique a resolución do 4 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan, para a provisión polo sistema de libre designación, postos de traballo dos corpos de xestión procesual e administrativa e de tramitación procesual e administrativa da Administración de xustiza, publicada no DOG do día 12, e se inclúa unha descrición de cada un dos postos convocados".
Ligazón xustificante de presentación de escrito: