O persoal que traballa nas administracións públicas sofre unha perda de poder adquisitivo dun 18´77% nos últimos trece anos

Os tres acordos salarias asinados por os Gobernos do Estado con CSIF,CCOO E UXT afondaron na perda do poder adquisitivo do persoal empregado público
Venres, 09 Feb 2024

O persoal empregado público sofre unha perda de poder adquisitivo dun 18´77% nos últimos trece anos

O avance dos prezos e a inflación levaron as retribucións do persoal que traballa nas administracións pública a unha situación límite. O persoal empregado público sitúase como un dos colectivos que máis poder adquisitivo perdeu nos últimos trece anos.

Compre ter en conta que neste período asináronse por parte dos sucesivos gobernos de PP e PSOE cos sindicatos estatais CSIF, CCOO e UXT tres acordos aos que eles chamaron “para a mellora do emprego público” que non só non conseguiron reverter esta situación senón que afondaron aínda máis neste contexto de precaridade.

A CIG denuncia que neste momento actual no que se está a negociar os orzamentos do Estado para o 2024, non estea enriba da mesa o establecemento dunha cláusula de garantía salarial real, ligada ao IPC e garantida por Lei para o persoal empregado público. A CIG pediu unha reunión co Ministro de Función Pública para trasladarlle a necesidade de garantir o poder adquisitivo por lei e por enriba da mesa un acordo salarial para recuperar as retribucións perdidas todos este anos.

A CIG denuncia tamén que a negociación dos  tres acordos salariais que se asinaron nos últimos anos fixéronse entre os diferentes Gobernos do Estado e os sindicatos Estatais unilateralmente, deixando sen efecto a Mesa Xeral das Administracións Públicas.

Non é asumible que o escenario volva a repetirse. O resultado destes acordos é catastrófico no conxunto das Administracións Públicas, polo que a CIG esixe que convoque a Mesa Xeral onde como Sindicato Maioritario na Galiza temos presenza , como único ámbito de negociación para ter un acordo que reverta esta situación.