
Endogamia e enchufismo na Xunta de Galiza para cubrir máis de 800 postos da Administración Autonómica
O martes 3 de xuño quedou aprobada na Comisión de Persoal o modelo de bases para a cobertura dos postos mediante concursos específicos, unha forma de provisión de postos pensado nalgunhas xefaturas de seccións, direccións de centros e sobre todo xefaturas de servizo, que non sexan nin de concurso ordinario nin de libre designación.
Trátase 861 prazas que van dende o nivel 20 ata o 28, ocupadas en comisión de servizos moitas delas dende hai máis de 10 anos (dende que a Lei do emprego público de Galiza do ano 2015 creara esta forma de provisión). Por fin no ano 2022 publicaron o Decreto 151/2022, que regula a provisión dos postos. Pero a mediados do 2025 seguimos igual.
O modelo de bases de concurso específico aprobado o martes 3 de xuño, no lugar de poñer orde e coherencia na política de persoal da Xunta de Galiza, déixalle a cada consellaría que realice estes procesos de selección ao seu antollo, pois nin pon prazos (poderían seguir outros 10 anos en comisións de servizos?), nin pon a valoración de cada mérito (poderían “personalizalos” para a cobertura de cada posto), nin van ter un control externo (queda todo en mans de cada consellería, sen que a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal xogue algún papel na redacción de cada convocatoria, a fixación dos méritos, ou a elección das persoas que formarán das comisións de selección).
Polo tanto, consideramos que iso vaise traducir en continuar coas cacicadas e amiguismos ás que nos teñen afeitas/os as cúpulas das consellarías e os seus seguidores e seguidoras.
As persoas elixidas para cubrir un posto de concurso específico, despois de ser seleccionadas mediante un baremos “adaptado” a cada caso, van permanecer no posto durante cinco anos. Por tanto, a Xunta de Galiza está a colocar as persoas que elixa (nalgúns casos validas, noutros simplemente fieis ou amigas), e endosárllelas ao goberno seguinte.
Aos cinco anos, o nomeamento pode ser revisado tras un proceso de avaliación. Isto vaise traducir na perda de independencia do funcionario/a, que pode “prestarse” ao que lle pidan con tal de non obter unha avaliación negativa. Ao Presidente da Xunta de Galiza soamente lle preocupa o control e a manipulación da Administración Pública, non lle interesa unha boa xestión dos servizos públicos, senón castigar ás pesoas que non actúan como queren os/as responsables das consellarías; de xeito que obedece de maneira exclusiva a intereses partidistas e que pouco teñen que ver co interese xeral.
DOPAXE
A Xunta pretende vulnerar o principio de igualdade e o de obxectividade DOPANDO con puntuación extra a determinado persoal, precisamente aos mesmos que eles previamente xa elixiron para prestar servizos nos postos de traballo convocados en comisións de servizos. Pretenden valorar a experiencia profesional no mesmo posto obxecto da convocatoria, ao que só persoas designadas a dedo puideron optar.
ELECCIÓN POR COOPTACIÓN
Tanto no caso da comisión de valoración como na de avaliación, os membros van ser nomeados por cada consellería e un por Emprego Público e teñen que ter, nun caso un grao superior ao do posto que se convoca, ou noutro on nivel xerárquico superior. Isto implica que o que xa temos denunciado como o “lobby" dos/as subdirectores/as xerais onde tamén se inclúen algúns xefes de servizo, vanse repartir os postos de concurso específico entre eles.
TRAXE A MEDIDA
O deseño das bases é un exercicio de xastrería para facer traxes a medida das persoas que previamente foron seleccionadas. Teoricamente o 55% dos méritos a valorar (primeira fase) serían obxectivábeis e só o 45% (segunda fase) serían apreciacións de carácter subxectivo sobre as aptitudes e capacidades da persoa candidata. A trampa está en que para cada un dos ítems que forman parte tanto da primeira como da segunda fase, a consellería convocante do posto decide o peso que lle da a cada un. Por tanto, o peso de cada mérito pode ir en función da persoa cooptada polo "lobby".
ENTROIDO NA PROVISIÓN DE POSTOS
Todo isto se fai para DISFRAZAR DE OBXECTIVIDADE UN PROCESO DISCRECIONAL. O que pretenden é facer colar como un proceso de concorrencia competitiva, o que antes facían nun descarnado proceso de libre designación. Disfrace de obxectividade, de modernidade na carreira directiva para un proceso clásico de enchufismo e dedocracia.
TRADICIÓN TRIFÁSICA
Se estivésemos noutra administración poderíamos entender que incluso a valoración subxectiva de méritos feita polas comisións de valoración se faría con criterios de profesionalidade e imparcialidade.
Na Administración da Xunta de Galiza puidemos conseguir que os procesos de acceso ao emprego público e de provisión de postos de carácter xeral fosen aparentemente LIMPOS. Pero onde nunca puidemos conseguir que se actuase do mesmo xeito foi cos postos de xefatura de servizo (excepto por un acordo do 2008 co goberno bipartito e que o PP decidiu anular en canto Feijoo chegou á Presidencia da Xunta).
Pois ben, se neste caso a Xunta seguiu ata o de agora coa tradición enchufista, como imos confiar en que unhas comisións de valoración designadas polas consellerías e con sistemas de cooptación, e un amplo nivel de discrecionalidade, van a desempeñarse con profesionalidade e imparcialidade?