Fondo de Acción Social 2023 (xuntanza 2/5/24)

Luns, 06 Mai 2024

O día 2 de maio os axentes sociais mantivemos unha reunión con representantes da Función Pública polo mal chamado Fondo de Acción Social (FAS), xa que del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Todos estes recortes no FAS comenzaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes. No cadro que vai deseguido vese a diferenza do FAS do ano 2010 comparado có actual.

 FONDO DE ACCIÓN SOCIAL 2010 (€) 2023 (€)
 CONTÍA GLOBAL  9.136.392  2.000.000 
CONTÍAS MÍNIMAS POR MODALIDADES
 ATENCIÓN Á DISCAPACIDADE 1.300 2.160
 XUBILACIÓN 3.500 0
 FILLOS/AS MENORES 150 0
 ESTUDOS DE FILLOS/AS 90 0
 ESTUDOS DO PERSOAL DA XUNTA 200 0
 ADQUISICIÓN DE VIVENDA 1.532 0
 MAIORES A CARGO 200 0
 GASTOS SANITARIOS (TRATAMENTOS, PRÓTESES) 60 0
 GASTOS SANITARIOS (PRODUTOS ALIMENTARIOS) 60 0

Nesta proposta que nos presenta a Xunta de Rueda, a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, que se incrementa dende o límite dos 13.300 a 14.000 €. A cantidade desta axuda fica en 2.160 € por causante, exactamente igual que nos anos 2020, 2021 e 2022, así que non se actualizou nen tan sequera ao IPC destes tres derradeiros anos.

Dende a CIG observamos que o texto recibido non emprega unha linguaxe neutra, inclusiva e respectuosa, se non unha linguaxe sexista, contravindo a normativa de xénero. A LO 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, establece a implantación dunha linguaxe non sexista no eido administrativo e o seu fomento na totalidade das relacións sociais, culturais e artísticas como un dos criterios que deben guiar a actuación dos poderes públicos, por iso solicitamos unha revisión do texto enviado.

A CIG insiste nas alegacións presentadas en anos anteriores, e que se resumen en:

  • Incrementar o importe actual como mínimo conforme o Índice de Prezos ó Consumo (IPC) dos derradeiros 3 anos, para esta axuda.

  • Recuperación de todas as modalidades de axudas do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalos progresivamente.

  • Recuperación dos importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.

  • Compatibilizar as axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

  • Que todas as axudas que se concedan sexa proporcional o nivel de renda das familias.

  • Que esta axuda se meta en nómina tamén no persoal funcionario, co mesmo sistema de petición que ten o persoal laboral. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e cobrala con máis de un ano de atraso, xa que este ano 2024 estamos falando da axuda do ano 2023 que se comenzaría a cobrar en nómina en xaneiro dese ano. Este punto dende a Dirección Xeral de Función Pública, prometeran no pasado exercicio que ia a ser deste xeito, o cal aínda estamos a espera. Dende a CIG instamos a que se faga XA.

  • Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento, e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación desta axuda debe facerse canto antes para así podernos garantir o pagamento dentro do presente ano. Se non hai modificacións desta axuda que nos digan cando se prevé publicala no DOG.

  • Temos nesta Administración Autonómica, persoas que, por pertencer a Muface, ou a outras administracións, teñen dereito a mellores axudas do FAS. A CIG solicita que todo o persoal teña as mesmas axudas do FAS, nas mellores condicións posíbeis.

Resposta da administración:

  • Intentarán publicar esta axuda neste mes de maio, vai ir o vindeiro Consello da Xunta e logo ao DOG.

  • O tema de cobrar mensualmente din que o transmitiran e que teñen un plan para que cada consellería tramite esta axuda. Non dan datas.

  • O de modificar o FAS e recuperar como mínimo as axudas anteriores, din que o transmitiran os órganos de esta administracións competentes e con capacidade para facelo. De momento son lentellas, si non as queres as deixas, como diría un presidente do PP de todos os puntos que lle propuxemos “desto ya tal”.
  • FAS-2023