A AEAT exixe e non paga: un policía local cobra ata un 96 % máis ca un axente de Vixilancia Aduaneira

Venres, 06 Nov 2026

 

A Dirección da AEAT presume de ser a elite funcionarial do estado español. Alardea da especialización e actualización constante que exixe ao seu persoal. Porén, esta exixencia de formación non se retribúe de maneira xusta e digna.

A realidade retributiva da AEAT non se corresponde nin coas tarefas que foi asumindo nin coa realidade social e económica de 2026. O persoal da AEAT perdeu un 12,75 % de poder adquisitivo dende xaneiro de 2020 (IPC ata setembro de 2026, avance do INE) e a suba salarial de 2026 é do 1,5 %. Os complementos específicos seguen nos importes de 2007.

En Vixilancia Aduaneira (VA) a situación é a mesma. Un axente de investigación entra cun específico de 9.256 € ao ano e un axente marítimo, de 10.263 €. Na RPT da AEAT en Galiza hai 315 postos de axente de VA (C1): 129 de investigación, 182 marítimos e 4 aéreos. Case dous de cada tres (204) están nos tramos 1 a 3, entre 8.725 € e 12.162 € de específico.

Entendendo que son corpos diferentes, con tarefas e funcións distintas e mesmo dependentes de administracións diversas, quixemos comparar arealidade retributiva con oito concellos galegos (tomamos os mesmos que usamos para comparar cos axentes tributarios: Vigo, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, A Estrada, Betanzos e Carballo). A CIG defende o persoal da Administración Local tanto coma o da AEAT: comparamos porque, se noutras administracións se retribúe máis, é razoable pedir que a AEAT o faga- sobre todo cando se exixe unha actualización constante, un incremento de obxectivos a cumprir ano tras ano e mais realizar cada vez máis tarefas.

Os datos din o seguinte:
  • Os 8 concellos pagan máis ao seu axente de policía local (C1) có tramo 1 de investigación e có marítimo 1 de VA: dende 12.098 € (Carballo, estimación) ata 18.138 € (Vigo), é dicir, entre un 31 % e un 96 % máis. A mediana está en 14.004 € (+51 % sobre investigación 1).
  • Mesmo no tramo máis alto de VA (nivel 22), o axente de investigación (15.608 €) cobra menos ca 3 dos 8 concellos, e o marítimo (16.535 €) menos ca Vigo.
  • Dentro de VA, o axente marítimo cobra entre un 6 % e un 11 % máis có de investigación do mesmo tramo. Mesmo así queda por debaixo da policía local de todos os concellos comparados.
  • A2: os 7 concellos con inspector/a pagan máis có técnico/a de investigación 1 (12.811 €) e có de propulsión 1 (13.059 €); a mediana é de 18.506 €.