A AEAT segue negándose a aprobar o seu propio Plan de Igualdade a pesar que o da AXE non contempla a súa singularidade

Xoves, 30 Out 2025

Onte tivo lugar unha xuntanza da comisión de igualdade para tomar coñecemento do IV Plan de Igualdade da Administración Xeral do Estado (AXE) e a última modificación legal dos permisos de maternidade. A Dirección da AEAT limitouse a facer un repaso do IV Plan aprobado polo Consello de Ministros

Desde a CIG lamentamos a oportunidade perdida por non elaborarmos un Plan de Igualdade propio da AEAT que contemple os condicionantes e características da AEAT e a existencia de ámbitos moi masculinizados, sen medidas de discriminación positiva nin de conciliación adicionais- cun caso extremo no SVA marítimo

A CIG non apoiou o IV Plan da AXE por evitar plasmar compromisos concretos

Neste sentido, cuestionamos que o IV Plan da AXE non supón un avance efectivo cara á igualdade real entre mulleres e homes na Administración Pública, senón un texto fundamentalmente descritivo, sen compromisos concretos nin medidas vinculantes
 
En primeiro lugar, o Plan mantén un enfoque meramente diagnóstico, limitándose a describir desigualdades sen establecer mecanismos claros para corrixilas. Non incorpora prazos, dotación orzamentaria nin órganos con capacidade real de control e execución. A experiencia dos plans anteriores demostra que, sen estas condicións, as medidas fican nunha declaración de intencións sen impacto real na vida laboral das traballadoras da AGE
 
En materia de prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero, a CIG presentou propostas concretas que foron rexeitadas: avaliación diferenciada de riscos biolóxicos e psicosociais, listaxe de postos de risco para mulleres xestantes e mecanismos de adaptación inmediata do posto de traballo. A Administración limitouse a introducir referencias xenéricas, sen comprometerse con actuacións efectivas
 
No referente ás Unidades de Igualdade, a C.I.G. reclamou que estas tiveran rango de Subdirección Xeral, con dotación orzamentaria e persoal técnico especializado. A proposta foi rexeitada, mantendo o modelo actual, dependente e sen capacidade operativa real. Isto converte a igualdade nunha función secundaria, sen peso na estrutura ministerial
 
Tampouco se recolleron as propostas sindicais en materia de conciliación e corresponsabilidade, como a ampliación da flexibilidade horaria, a racionalización dos horarios, ou a mellora das condicións das familias monoparentais e das traballadoras en determinadas etapas vitais (maternidade, menopausia, coidados). A Administración rexeitou todas estas medidas, limitándose a “estudalas” segundo os resultados de futuras enquisas, o que evidencia a falta de vontade política
 
En canto á formación en igualdade, o Plan ignora a realidade: menos do 14 % das persoas solicitantes puideron acceder aos cursos ofertados en 2024. A CIG reclamaba un incremento progresivo de prazas, formación obrigatoria para todo o persoal docente e cursos específicos sobre novas masculinidades e corresponsabilidade. Ningunha destas demandas foi incorporada
 
Finalmente, cómpre destacar que non se garante a participación sindical efectiva nin un sistema de seguimento transparente que permita avaliar o grao de cumprimento das medidas, o que reduce a participación das organizacións representativas a un mero trámite formal
 
Por todo isto, a CIG considera que o IV Plan de Igualdade da AGE non constitúe unha ferramenta transformadora, senón unha actualización burocrática dun modelo que non aborda nin a feminización da precariedade, nin a desigualdade salarial, nin a infrarrepresentación das mulleres nos postos de responsabilidade. A  CIG non pode avalar un documento que, en lugar de avanzar cara á igualdade real, consolida as limitacións existentes e perpetúa a desigualdade estrutural no emprego público

Necesidade dun Plan propio da AEAT

AEAT ten un 60% de mulleres no seu cadro de persoal, mais non adopta medidas de discriminación positiva para pór fin ás trabas á conciliación, discriminación positiva en ámbitos moi masculinizados- como o SVA marítimo-, sen medidas de discriminación positiva nin de conciliación adicionais atendendo á especial casuística do servizo e tarefas que exixe
Neste sentido, desde a CIG cuestionamos a resistencia da AEAT a avanzar cara a igualdade retributiva, empezando por seguir sen ofrecer información sobre as retribucións segundo sexo nos tramos superiores de remuneración, o que impide ter unha imaxe real da fenda salarial e poder avanzar medidas para revertela

Por este motivo, lamentamos que esta xuntanza fose apenas para trasladar o que a AXE ten acordado noutros ámbitos e apenas comprometerse a conformar grupos de traballo para que a AEAT coñeza casos de trabas aos dereitos de conciliación- como se as trabas viñesen de fóra da AEAT e non dos seus responsábeis!

Nova redación dos permisos de maternidade

A AEAT tamén comentou o texto do BOE sobre a nova redación dos permisos de maternidade: o de nacemento pasará a ser de 17 semanas até os 12 primeiros meses, ao que se engade 2 novas semanas retribuídas ata que o menor cumpra 8 anos. Desde a CIG cuestionamos a negativa a retribuír o permiso de 8 semanas