A AESIA DEMOSTRA A SÚA FALTA DE VONTADE NA NEGOCIACIÓN DO CALENDARIO LABORAL
Despois de que a CIG tivese reclamado celeridade na negociación do calendario laboral, hoxe constatamos a falta de vontade por parte da AESIA para negociar o calendario laboral de 2026. Contámosche o máis destacado da reunión:
UNHA REUNIÓN SEN NINGÚN AVANCE NA NEGOCIACIÓN. NON MOVEN UNHA COMA…
Trala reunión do venres 10 de xullo, a administración achegou ás centrais sindicais unha redación do Calendario Laboral na que rexeitaban o 90% das propostas recollidas entre as traballadoras e traballadores da AESIA.
Para continuar a avanzar na negociación do Calendario Laboral (que, por certo, leva meses de atraso na súa aprobación) agardabamos que hoxe houbese vontade de revisar a súa proposta nalgún dos puntos prioritario para o persoal da AESIA, pero atopámonos cun muro que só quería saber se estabamos dispostos ou non a asinar a súa proposta de acordo, xa que rexeitaron calquera revisión do texto.
CALES SON AS PRINCIPAIS REIVINDICACIÓNS QUE NON ATOPAN RESPOSTA?
1. XORNADA EN RÉXIME DE ESPECIAL DEDICACIÓN: a administración utiliza a Instrución de Xornada e Horarios só de maneira restrictiva cando lle convén… Que di a Instrución:
4. Jornada en régimen de especial dedicación
La duración de la jornada del personal que desempeñe puestos de trabajo considerados de especial dedicación será de 37 horas y media semanales, sin perjuicio del aumento de horario que excepcionalmente sea preciso por necesidades del servicio.
É dicir, a especial dedicación non implica a realización de tardes, pero a AESIA quere empeorar a Instrución no horario de inverno impoñendo a realización dunha tarde.
Que di a Instrución respecto desta xornada no horario de verán:
7.3 Salvo que los calendarios laborales establezcan otras modalidades, el personal que preste servicios en régimen de especial dedicación, además del cumplimiento horario establecido en el punto 2 de este apartado, deberá realizar durante este período cinco horas adicionales a la semana, de las cuales un mínimo de dos horas y media se desarrollarán hasta las 18:00 horas, de lunes a jueves.
Tampouco fala de que se teñan que facer tardes pero quérennos vender como un logro que se eliminen da proposta inicial da administración. Sen embargo, aquí a instrución SI deixa a porta aberta a introducir melloras na xornada de verán para o persoal en réxime de especial dedicación, pero aquí a AESIA non quere introducir melloras e “átase” ao periodo adicional de 5 horas.
A postura da CIG a este respecto é ben clara: a negociación do Calendario Laboral non pode supoñer empeorar as condicións da Instrución, se non todo o contrario, melloralas, sobre todo en aspectos coma este en que a propia Instrución deixa a porta aberta a introducir melloras. Polo tanto, a CIG segue apostando pola eliminación das tardes (a especial dedicación podese cumprir perfectamente dentro da flexibilidade que permite o horario da xornada de mañá) e a redución da especial dedicación a 35 horas durante a xornada intensiva de verán. Semella que a forza das traballadoras e traballadores está tamén facendo reflexionar a outras organizacións sindicais a este respecto, apoiando agora as propostas trasladadas pola CIG.
2. DEFINICIÓN DO PERMISO RETRIBUIDO POR DEBER INEXCUSABLE E POR DEBERES RELACIONADOS COA CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL: neste caso, pola negativa da administración a definir as casuísticas recollidas neste permiso e que non deberían ser susceptibles de recuperación a través da bolsa de horas, atopámonos cun feixe de parches que se queren introducir nos puntos 7 e 8 en relación coa xustificación de ausencias, deixando baleiro de contido este permiso recollido no TREBEP, e definindoo como “un deber do que poidan derivar responsabilidades penais ou administrativas”. Desde a CIG seguimos a reivindicar a necesidade de definir cales son os deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral que teñen acubillo dentro deste permiso retribuido, para evitar calquera posibilidade de interpretación subxectiva.
3. DEFINICIÓN DAS NECESIDADES DO SERVIZO: atopámonos tamén coa negativa da administración a entrar nesta cuestión que para a CIG é fundamental, tal e como quedou demostrado nas ocasións nas que se empregou esta figura para deixar sen efecto os acordos de traballo a distancia, que en ningún caso nos parecen necesidades do servizo xustificadas nin motivadas.
Máis alá doutras propostas que expuxemos en anteriores notas informativas, estas tres que agora enumeramos son fundamentais para a CIG continuar a traballar na negociación do Calendario Laboral para 2026.
E AGORA QUE?
Pois parecía que con esta reunión infructuosa a AESIA daba por solventado o trámite da negociación do Calendario Laboral até setembro, pero as forzas sindicais insistimos unha vez máis na necesidade de axilizar a negociación o antes posible, amosando a nosa disposición a continuar traballando nesta cuestión nas vindeiras semanas. A administración comprometeuse a convocar unha nova reunión “o antes posible”. Desde a CIG non permitiremos que se adíe esta negociación sen ningún motivo nen xustificación.
Seguiremos informando…