A Base de Muros como exemplo de todo o que falla en prevención no SVA
O pasado xoves tivo lugar a reunión semestral do Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI) monográfico de Vixilancia Aduaneira. Nel, os responsábeis do SVA gabáronse do descenso da siniestralidade no pasado ano- que desde a CIG e as demais organizacións sindicais advertimos que habería que pór en relación co descenso de horas de navegación para ver se realmente era tal descenso
Os responsábeis da AEAT presumiron da realización dun cuestionario para facer unha radiografía do estado das bases marítimas e poder elaborar agora un catálogo mínimo de equipamentos a dispoñer en cada unha delas por medio dun grupo de traballo a constituír próximamente entre AEAT e sindicatos. É normal dado que se está poñendo en marcha o SVA desde cero, sen experiencia e sen profesionais que alertaran desde hai décadas sobre as carencias do mesmo (modo ironía on)
Desde a CIG cuestionamos a deixadez con que se actuou até o de agora neste asunto. E puxemos a Base Marítima de Muros como exemplo de todo o que non debe suceder- coa honrosa excepción do persoal- no SVA: un barco que acumulou ducias de denuncias e postas fóra de servizo por carencias graves de seguridade duplicando a súa vida útil até que o amianto forzou a súa clausura, falto de mantemento axeitado, que ademáis era utilizado como vestiario (nin pensar en vestiarios segregados por sexos!) por non ter ningún lugar a tal fin a base- era iso ou o baño do bar máis próximo-, unha base de prestado nun local cedido polo Concello que non cumpre coas máis mínimas normas de seguridade e sen sinalizar—malia ofrecernos a mediar co Concello na busca doutro local máis adecuado para a Base!-, un barco substituto que é unha lancha para realizar navegacións mínimas pola ría para facerse ver máis que para outra cousa…. Unha situación que a Base de Muros é exemplo extremo pero que ten os mesmos elementos en todas as bases galegas
Os responsábeis do SVA anunciaron modificacións nas Peregrino debido aos fallos que presentan ao pouco de ser entregadas, asentos para asumir as vibracións nas Fénix, dous traxes antiincendios para cada buque da serie 101… carencias que nalgún momento todas as organizacións sindicais trasladamos infructuosamente
Mais como cuestionaramos a falta de adecuación da flota ás necesidades do servizo, o Subdirector Xeral de Loxística arremeteu contra a representación sindical por cuestionar as carencias en materia preventiva que arrastra o servizo, ao punto de responsabilizar ás tripulacións de ter que facer o mantemento dos buques cando hai empresas contratadas para isto
Cando a prioridade pasa a ser defender as contratacións realizadas e as decisións tomadas ou obviadas e derivar o foco cara outros- tripulacións, organizacións sindicais- resulta xa evidente que a prevención é secundaria
Como representantes do persoal da AEAT estamos lexitimados para fiscalizar a actuación preventiva da Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira (DAVA) e imos exercela mal que lle pese a todos ou parte dos seus responsábeis. A loita é o único camiño!