A CIG dá a benvida ao desbloqueo da xubilación parcial
O Consello de Ministros aprobou hoxe 29 de xuño a modificación normativa que permite desbloquear definitivamente a xubilación parcial do persoal laboral das administracións públicas.
Desde a CIG valoramos positivamente que, por fin, se corrixa unha situación que nunca debería terse producido e que mantivo durante meses a centos de traballadoras e traballadores nunha incerteza inaceptable.
Agora ben, queremos deixar clara unha cuestión que ningún sindicato pode apropiarse deste logro nin presentar esta decisión como unha conquista exclusiva.
A modificación aprobada responde á necesidade de solucionar un problema creado pola propia normativa, que impedía a aplicación efectiva da xubilación parcial tras a reforma da Seguridade Social. Foi necesaria unha decisión do Goberno mediante unha modificación legal, algo que ningún sindicato podía facer por si só.
Nos últimos días asistimos a unha carreira por poñerse medallas (CSIF, CCO e UGT) e atribuírse en exclusiva un desbloqueo que é consecuencia dunha decisión política e institucional. Na CIG non participamos desa forma de facer sindicalismo.
O noso compromiso foi defender desde o primeiro momento que a xubilación parcial debía recuperarse con todas as garantías, esixir a publicación das instrucións pendentes, reclamar seguridade xurídica para o persoal e denunciar os atrasos inxustificados que sufriron miles de persoas traballadoras.
Mentres outros competían por ver quen anunciaba antes a noticia, a CIG centrou o seu traballo en trasladar ás mesas de negociación e á Administración a necesidade de resolver un problema que afectaba directamente aos dereitos do persoal laboral.
A aprobación desta modificación é, sen dúbida, unha boa noticia. Na CIG seguiremos facendo o que sempre fixemos, defender dereitos, non coleccionar medallas. Os dereitos das traballadoras e dos traballadores non pertencen a ningún sindicato, pertencen ás persoas que os exercen e que levan demasiado tempo esperando solucións reais.