A CIG demanda ampliar o prazo de solicitudes do panel de Axentes (AHP) até o 11 de setembro

Xoves, 30 Xul 2026
A Dirección da AEAT vén de convocar o Panel de provisión de postos de traballo de carreira horizontal para persoal funcionario de carreira do Corpo Xeral Administrativo, especialidade de Axentes da Facenda Pública (2026P06), cun prazo de presentación de solicitudes que remata o vindeiro 17 de agosto de 2026, en pleno mes de vacacións.

É a segunda vez que a Dirección da AEAT, allea á realidade social, fixa o remate deste panel (o máis masivo da AEAT) a mediados do mes de agosto. Sen ter en conta que é un mes onde o persoal está obrigado a fixar a metade das súas vacacións e sen ter en conta que noutros organismos aos que o persoal ten que solicitar documentación está igualmente en período de vacacións. Semella que, aínda que cambien as caras, á Dirección da AEAT non lle preocupa que o persoal se acerque aos destinos xeográficos que lle interesen.

Dende a CIG témolo claro: convocar un proceso de mobilidade con prazo de solicitude en pleno agosto non é casualidade, é unha maneira máis de poñer trabas ao exercicio dos dereitos do persoal. Unha parte moi importante do cadro de persoal está a desfrutar destes días -moitos deles de collida obrigatoria- e non pode dedicar o tempo necesario a revisar con calma unha convocatoria complexa, valorar as prazas ofertadas nin, moito menos, reunir e presentar toda a documentación esixida (especialmente a relativa aos méritos de conciliación do apartado 2.2).

O pasado ano, no panel anterior, aconteceu o mesmo e a Dirección da AEAT viuse forzada, dado que boa parte do persoal nin sequera se decatara en prazo da convocatoria do panel, a prorrogalo. Mais lonxe de aprender dos seus propios erros, a AEAT tropeza dúas- e máis!- veces na mesma pedra. 

Por iso, e como xa se fixo no proceso do ano pasado, desde a CIG vimos de dirixirnos á Dirección do Departamento de Recursos Humanos solicitando a ampliación do prazo de presentación de solicitudes até o 11 DE SETEMBRO DE 2026.

Os motivos que trasladamos desde a CIG son claros:
  • O prazo actual coincide co período vacacional, incluído o tramo de desfrute obrigatorio das vacacións.
  • O persoal ten dereito a coñecer con sosego o contido íntegro da convocatoria e a valorar con garantías as prazas ofertadas.
  • A documentación esixida para os méritos de conciliación require xestións(certificados, empadroamentos, informes) que non son doadas de tramitar en agosto.
  • Xa existe un precedente claro: o ano pasado a propia Administración recoñeceu estas mesmas razóns e ampliou o prazo.
Desde a CIG non imos permitir que se recorten dereitos de participación por non adaptar os prazos administrativos á realidade do calendario laboral e vacacional. Por iso, e co precedente do pasado ano, na CIG exiximos da Dirección da AEAT que amplíe o prazo até o 11 de setembro, exactamente nos mesmos termos en que o fixo o pasado ano. Para garantir exactamente os mesmos dereitos ao seu persoal en calquera convocatoria.