A CIG demanda un panel extraordinario e concurso de carreira vertical para cubrir os postos da nova base de Cee

Venres, 25 Set 2026
A CIG ven de solicitar a convocatoria dun panel extraordinario para a cobertura das tripulacións e demais necesidades da nova base do SVA en Cee. En diversas ocasións xa advertimos aos responsables da AEAT que para dotar de persoal esta nova base debería realizarse unha oferta de mobilidade a todo o persoal interesado, conforme ó disposto no Acordo de Paneis.

Un dos barcos que está previsto que se destinen a esa nova base de Cee, con peirao en Brens, é o denominado Torgo I, un dos buques incautados ao cargueiro Lila Mumbay que levabamos tempo defendendo fosen incorporados ao SVA para paliar as carencias da súa flota. Dadas as súas dimensións e cometidos, a AEAT lanzara hai meses a proposta dun novo modelo de navegación que, desde o punto de vista da CIG, era facer destes barcos uns buques de operacións especiais low cost.

Por este motivo, e dado que a cobertura de prazas nos buques de operacións especiais ten que se facer por concurso de carreira vertical, tamén solicitamos que, se a AEAT mantén as súas intencións sobre o modelo de navegación do Torgo I, convoque ese concurso para a provisión de postos do barco.

A creación dunha base na Costa da Morte é unha vella demanda da CIG que está a se concretar. Do mesmo xeito, a mellora da flota destinada nas bases galegas do SVA é unha constante no traballo da CIG, posto que non admitimos que se traia para Galiza barcos cuxa vida útil xa está sobrepasada. Se ben esta incorporación do Torgo I é un paso na boa dirección, aínda falta moito para termos unha flota axeitada para a realidade da costa galega e, desde logo, entendemos que a apertura da base de Cee non pode supor a supresión da base de Muros.