A CIG denuncia no CSSI deficiencias graves na prevención na AEAT en Galiza e esixe medidas reais

Xoves, 26 Feb 2026
Hoxe tivo lugar a reunión do Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI) da AEAT, na que dende a CIG volvemos denunciar a situación preocupante da prevención de riscos laborais, especialmente nos centros de traballo de Galiza.

Vixilancia da saúde: desigualdades e falta de garantías

Desde a CIG puxemos de manifesto que existen problemas no acceso aos recoñecementos médicos e na aplicación das probas de saúde, con casos nos que persoas traballadoras reciben probas distintas sen criterios transparentes nin explicación médica aparente.

Tamén advertimos das dificultades específicas que existen en territorios con dispersión xeográfica como Galiza, onde non sempre se garante o acceso en igualdade de condicións ao persoal das Administracións máis afastadas.

A CIG esixiu criterios médicos claros, igualdade real e acceso efectivo para todo o persoal, independentemente do destino.

Por último neste punto, tamén solicitamos que se fagan seguimentos e probas ao persoal que máis tempo leva exposto ao radón. A resposta da Administración foi que non hai a suficiente gravidade para facer tales seguimentos.

Teletraballo: avaliación si, pero con garantías e sen presións

A AEAT pretende avanzar na avaliación dos postos de teletraballo cando o propio modelo aínda non está negociado coa parte social.
Desde a CIG advertimos que non se pode converter a avaliación preventiva nun mecanismo de control sobre o persoal. Manifestamos a nosa preocupación por cuestións como:
  • uso de portátiles con pantallas reducidas
  • traslado constante de equipos
  • petición de datos persoais do domicilio ou imaxes do espazo de traballo
A prevención debe servir para protexer a saúde, non para fiscalizar ás persoas traballadoras nin invadir a súa privacidade.

Plan preventivo 2026: atrasos, carencias e riscos estruturais en Galiza

A documentación presentada confirma que en Galiza:
  • existen centros con avaliacións pendentes ou atrasadas
  • hai actuacións preventivas previstas para 2025 que non se executaron
  • non se están avaliando determinados medios de traballo
Ademais, o control do risco por radón afecta a numerosos edificios da AEAT en Galiza, o que evidencia que non se trata de casos illados senón dun problema estrutural. Temos como casos evidentes os que suceden nas Administracións de Tui, Betanzos, entre outras. E tamén nas Delegacións de Lugo e Ourense, entre outras.

A CIG esixiu:
  • medidas técnicas reais
  • máis recursos preventivos
  • execución efectiva das avaliacións
  • e acceso aos datos completos sen elaborar para poder analizalos con transparencia
A postura da CIG

A CIG deixou claro no CSSI que a prevención non pode quedar nun exercicio burocrático nin nunha colección de informes.

A saúde laboral do persoal require actuacións reais, recursos suficientes e vontade de resolver os problemas, especialmente en territorios como Galiza onde os riscos son coñecidos e persistentes.

A saúde non se negocia. Os dereitos non se delegan. A loita é o único camiño.