
A CIG exixe o mantemento da oficina de MUFACE en Compostela

A CIG mobilizouse este martes diante da oficina de MUFACE de Santiago de Compostela en rexeitamento ao anuncio de peche definitivo desta oficina o vindeiro luns, 4 de agosto, e ao recorte neste servizo público. Na protesta tamén participou o Colectivo de persoas xubilada e pensionistas da CIG que reclamaron a continuidade da atención presencial e directa.
A decisión de pechar a oficina de Compostela foi comunicada pola directora xeral de MUFACE na reunión do Consello Xeral deste organismo da pasada semana, alegando “falta de persoal”. Estas dependencias xa viran mermados os seus servizos de atención pública nos últimos meses, pero a partir do día 4 o persoal mutualista terá que desprazarse até a oficina da Coruña para realizar as súas xestións ou ben facelas a través de medios telemáticos.
Cómpre lembrar que MUFACE atende 91.648 persoas en Galiza (activas e pensionistas), das cales 27.589 son persoal docente en activo. A condición de mutualista para determinados colectivos é obrigatoria independentemente do tipo de prestación sanitaria que escollan, ben a través do SERGAS, ben a través de Adeslas ou Asisa. Nos últimos anos o novo funcionariado de carreira está optando maioritariamente polo servizo público de saúde pero segue pertencendo a MUFACE.
Ademais de trámites relacionados con esta cuestión (prestación sanitaria e gasto farmacéutico), MUFACE xestiona, entre outras, a prestación por incapacidade temporal, a tramitación da tarxeta sanitaria europea e a atención sanitaria no estranxeiro, así como prestacións e axudas sociosanitarias para as persoas mutualistas e as beneficiarias que dependan delas.
Na reunión do organismo, o representante da CIG insistiu en que o desmantelamento da atención directa ás persoas mutualistas supón un exemplo máis do deterioro dos servizos públicos. Nun primeiro momento a dixitalización implicou unha redución de postos de traballo, dado que son as propias persoas usuarias as que realizan todos os trámites. Porén a administración do Estado presenta graves carencia de persoal, o que, unido ao anterior, supón un empeoramento na calidade da asistencia que se presta á cidadanía, neste caso ás persoas mutualistas obrigatorias e ás súas beneficiarias.
Ademais de todas as incidencias que poden producirse de forma telemática e que precisan ser resoltas mediante atención directa, o mantemento deste servizo faise imprescindíbel para o colectivo de xubiladas e pensionistas.