A CIG FAI PROPOSTAS PARA MELLORAR AS CONDICIÓNS DO PERSOAL: A ADMINISTRACIÓN CALA
Nova Mesa "Denegada" da Seguridade Social. E nova negativa a todo por parte da Administración. Esta vez, como novidade, nalgúns temas tamén calaban e non tiñan resposta.
Reunión convocada pola Administración. A CIG requiriu previamente o motivo da convocatoria, sen obter resposta. Ao inicio da reunión a Administración explica que convocaron porque o regulamento da Mesa establece que se convocará unha vez por semestre, e a continuación pregunta que queremos comentar.
Este é o exemplo do que pretende a Administración Denegar todo e parecer que fai sen facer nada.
A CIG denunciou que, malia as múltiples xuntanzas, os temas pactados continúan paralizados pola falta de vontade negociadora da Administración. Esta situación é inaceptábel e supón un desprezo ás traballadoras e traballadores que agardan melloras concretas nas súas condicións laborais.
A CIG reiterou a súa proposta en materia de produtividade: unha mellora lineal que beneficie especialmente os niveis retributivos máis baixos, evitando incrementar as diferenzas entre quen menos cobra e quen máis percibe. Consideramos que este criterio é o único que garante xustiza e equidade. Tamén fixo unha proposta que, sen renunciar á base do explicado, recoller parte da proposta da Administración en aras de desbloquear o acordo. A Administración solicitounos que lle enviaramos a nosa proposta para estudala.
A CIG tamén reclamou que a Administración detalle e clarifique a súa proposta sobre calendario laboral para poder avanzar na negociación. Non é admisíbel manter a indefinición nun aspecto tan relevante para a organización do traballo e a conciliación.
No traballo non presencial, xa que a Administración nega o 2º día, a CIG volveu reclamar os informes das probas piloto de 2º día de traballo a distancia, pero nunca aparecen. E non aparecen porque non hai motivos para denegalo, e por iso a Xerencia xa o ten, e os seguintes serán a Intervención. A CIG seguirá insistindo.
Con respecto ao Macro, o Ministerio agora di que non saben cando poderán publicar, que máis ben será xaneiro, tampouco saben explicar o motivo do retraso, “que son moitos postos” din. O persoal da Seguridade Social saca adiante, día tras día, unha carga de traballo desproporcionada, pero parece que en Madrid a velocidade de traballo é outra.
E para mellorar a mobilidade do persoal a CIG volveu a insistir en ter un Concurso Aberto e Permanente como o persoal laboral, ou no seu defecto un concurso anual. Outros ministerios fan cada ano concursos con miles de postos pero para o noso é imposible, quizais debamos cambiar de xestores, ou de ministerio como está facendo cada vez máis persoal.
Este tipo de deficiencias trae consigo que hai persoas afastadas do lugar onde queren traballar por falta de concursos, pero mentres tanto hai persoal de novo ingreso que entra directamente en estes lugares. Para a CIG isto é intolerábel.
E a colación disto tamén houbo debate porque a CIG preguntou porque nas OEP que non se ocupan todas as prazas convocadas, non se lle ofertan a totalidade das prazas ás persoas que aprobaron, para que teñan máis opcións de destinos.
Pero a Administración anunciou moi contenta que iniciaron o proceso lexislativo para a creación da Escola de Formación da Seguridade Social. Deben pensar que isto xa nos fai esquecer todos os demais temas importantes que están sen solucionar.
Acordáronse dúas reunións para xaneiro para avanzar nas que a Administración traerá valoradas as propostas da CIG. Nelas seguiremos esixindo avances reais e medidas concretas que melloren as condicións do persoal da Seguridade Social.
Despois de ver consumada unha nova perda de poder adquisitivo (ver máis detalles), a CIG considera necesario e urxente mellorar as condicións de todo o persoal.