A CIG leva ao CSSI o conflito das avaliacións na ADI… e a Dirección da AEAT evita dar explicacións
A ausencia das persoas responsábeis impide abordar o problema, malia o rexeitamento do persoal da ADI de Vigo
Na reunión do CSSI celebrada onte, a CIG conseguiu que se incluíse na orde do día o problema das avaliacións entre iguais na ADI de Vigo, ante a gravidade da situación.
Porén, o tema non se chegou a tratar, xa que —segundo a Dirección da AEAT — as persoas responsábeis das ADI non asistiron á reunión, a pesar de estar convocadas.
Para a CIG, isto supón un desprezo ao CSSI e ao persoal afectado, e evidencia a vontade da Dirección da AEAT de evitar dar explicacións sobre unha medida moi cuestionada.
Un problema real na ADI de Vigo
Na ADI de Vigo existe unha orde que obriga ao persoal a avaliar aos seus compañeiros/as mediante escoita de chamadas, con posibles efectos na carreira e nas retribucións.
Desde a CIG xa temos advertido que esta medida:
- Excede as funcións do posto.
- Introduce control entre iguais inexistente no resto da AEAT.
- Xera malestar, presión e conflitos internos.
- Foi implantada sen avaliación previa de riscos psicosociais.
O persoal xa manifestou de forma clara a súa oposición.
A CIG non vai deixar o tema aquí. Desde a CIG deixamos claro que este tema non remata aquí:
- Non imos aceptar que se evite o debate no CSSI.
- Non imos permitir medidas con impacto na saúde laboral sen avaliación previa.
- E non imos deixar só ao persoal da ADI de Vigo.
Seguiremos levando este asunto aos órganos correspondentes ata conseguir a súa paralización.
Outros asuntos
O resto de puntos tratáronse de forma habitual. No caso dos auriculares, a Dirección da AEAT limitouse a afirmar que “están ben”, sen análise real da situación -tamén polo feito de que non estaban na reunión as persoas responsábeis das ADIs.
A CIG seguirá defendendo ao persoal fronte a este tipo de imposicións.