
A CIG non avala prorrogar o Acordo de Renda a cambio de nada!

Esgotar o tempo dunha posíbel negociación con calquera tipo de excusa - este ano é a falta de Orzamentos Xerais do Estado, o pasado era a falta dunha nova Lei de Función Pública…- e impoñer o seu criterio sen negociar nada. Tal ven sendo o proceder da Direción da AEAT nos últimos tempos e o Acordo da Campaña de Renda non ía ser unha excepción.
Agarrándose a que o Acordo do pasado ano prevía unha prórroga neste, a Direción da AEAT propuxo unha prórroga na que tan só ofrece unha actualización dos módulos retributivos nos termos en que se incrementen as retribucións dos empregados públicos na Administración do Estado. Algo que se vai producir si ou si no caso de concretarse o anuncio feito polo Ministro de Función Pública nas pasadas datas. É dicir, propoñen prorrogar o Acordo, con todas as súas eivas e carencias, a cambio de nada e cunha suba mínima das retribucións que se vai producir por Lei e que non compensa a perda de poder adquisitivo do persoal ao servizo da Administración Pública nos últimos anos.
Por estes motivos, desde a CIG decidimos non avalar co noso apoio esta prórroga e exiximos a apertura dunha negociación completa do Acordo de Renda para os vindeiros anos, para dar resposta ás necesidades do persoal que participa na campaña e mais para resolver as eivas que a campaña arrastra.
Ver Nota informativa.