A CIG reclama un modelo de formación útil, accesíbel e que respecte os dereitos lingüísticos do persoal da AEAT

Mércores, 29 Out 2025

A administración segue sen afrontar as causas do alto abandono dos cursos e continúa a discriminar o galego fronte ao inglés ou o catalán

No día de hoxe celebrouse a Mesa de Formación da AEAT, na que a administración presentou os datos provisionais de execución do Plan de Formación Continua de 2025. Unha vez máis, comprobouse que só os cursos con incidencia directa no desempeño profesional, na carreira administrativa ou nas retribucións (como o de Renda ou os ligados a promoción interna) teñen unha participación significativa. Pola contra, os cursos de actualización xeral ou de mellora de competencias presentan taxas moi elevadas de abandono.

Desde a CIG insistimos en que estes resultados son consecuencia directa da ausencia dun modelo real de incentivo á formación. O persoal da AEAT non dispón de tempo nin espazos adecuados para formarse en horario laboral, o que fai que a formación se vexa como unha carga máis e non como unha oportunidade. Por iso, volvemos reclamar medidas como:
  • habilitación dun crédito horario específico para formación dentro da xornada de traballo.
  • creación de espazos de formación propios, que eviten que a asistencia a cursos se confunda coa ausencia do posto.
  • planificación de itinerarios formativos profesionais que dean sentido á formación continua.
  • Un curso específico no que se expliquen as consecuencias mais as formas de minimizar os efectos do radón.
Tamén puxemos enriba da mesa a necesidade de modernizar e mellorar o contido dos cursos, tal e como xa se ten sinalado en reunións anteriores: cursos máis actualizados, accesibles e dispoñibles durante máis tempo na plataforma, evitando repeticións excesivas ou formatos demasiado extensos, especialmente en cursos recorrentes como o de Campaña de Renda. Valoramos positivamente o esforzo por incorporar materias novas —como intelixencia artificial—, mais consideramos imprescindíbel que todo o persoal da AEAT, incluído o de Vixilancia Aduaneira e o persoal laboral, teña igual acceso á oferta formativa.

Por outra banda, volvemos denunciar o trato discriminatorio ao galego dentro do Plan de Formación 2025. A AEAT anunciou a incorporación dun curso de galego dentro da plataforma de idiomas estranxeiros Go Fluent, mentres o catalán dispón dun curso propio de atención ao público. Consideramos inaceptábel que se sitúe o galego ao nivel dun idioma estranxeiro e non como unha ferramenta fundamental para garantir o dereito da cidadanía galega a ser atendida na súa lingua. O galego non é un mérito exótico nin un adorno nun certificado: é un dereito e unha obriga da administración pública.

Finalmente, desde a CIG advertimos que a formación para a promoción interna continúa a estar deseñada para unha minoría e con fortes limitacións: o modelo de La Academiasegue a ser insuficiente, e non se garante unha oferta equilibrada para todos os corpos.

A CIG reclamou, unha vez máis, que a AEAT repense o seu modelo de formación, que o faga inclusivo, útil e respectuoso coa diversidade lingüística e territorial. A formación debe servir para mellorar o servizo público e as condicións laborais do persoal, non para perpetuar desigualdades.