A Dirección da AEAT saca adiante o Acordo de Renda sen moverse un milímetro das súas pretensións

Venres, 25 Abr 2025
Na mañá de onte estaba convocada a mesa de garantías sindicais da AEAT, o foro no que regular as relacións entre as organizacións sindicais e a Axencia. Mais, a intención da Dirección da AEAT era forzar novamente un acordo sobre a campaña de renda, xa en curso

Para iso, a Dirección da AEAT non se moveu nin un milímetro da proposta de acordo que a practica totalidade da parte social rexeitáramos hai unhas semanas. De feito, no transcurso da xuntanza, a Dirección da AEAT ameazou novamente con aprobar por Resolución a regulación da campaña de renda

Na CIG recoñecemos que os importes das táboas retributivas son levemente superiores aos do pasado ano, mais non son suficientes para reverter a perda  de poder adquisitivo do 20% acumulada -que hai unas semanas reclamabamos todas as organización sociais. Mais dicir que hai garantía dunha suba adicional do 1% cos vindeiros orzamentos do estado, cando levamos anos vendo como se adían os orzamentos é, cando menos, inxenuo

Porcentaxes diferentes de suba, novas discriminacións

O grave do acordo é establecer subas en porcentaxes diferentes en función de cada rol (coordinador, operador, apoio…). Era un acordo tácito que se viña mantendo, subir na mesma porcentaxe a todas, que funcionaba e cuxa ruptura- que a CIG non vai avalar- introducirá novos problemas

Con isto pásase a un modelo que beneficia aos que máis cobran (coordinadores) e prexudica os tramos salariais inferiores. E aínda pensamos que quen o propón perde de vista que, sen @s operadores, que son quen asumen a verdadeira carga de traballo da Campaña de Renda, non hai campaña. Crea un problema onde non o había

Sábados pola mañá? E a vida persoal?

Xa dixemos que o único punto positivo que viamos na proposta que rexeitamos hai un mes era simplemente dobrar o tempo para chegar a casa desde as Adminsitracións para facer quenda de tarde do Plan Le Llamamos (que pasa de 30 minutos a “como máximo 60 minutos”), e que posto no prato da balanza xunto á posibilidade de obrigar a facer rendas os sábados pola mañá non acaba de convencernos, que aparece de esguello nunha nova táboa retributiva para os supostos de facer horas entre as seis e as oito do serán ou o sábados pola mañá
Isto é, nunha nova volta de porca, a Dirección da AEAT pretende dar ao traste coa conciliación da vida persoal e familiar do seu persoal que fai campaña de Renda e hipotecarlles a fin de semana pagando unha hora máis a 40 euros un sábado pola mañá

A Dirección da AEAT ameazou con sacar por resolución a regulación da campaña de renda. Convocáranos a unha mesa de garantías sindicais, non entrou ao tema da xuntanza e anuncia: “Ou firmades o que rexeitastes hai un mes para a renda ou saco por resolución o que considere”. Ten un nome, e “responsabilidade” non é...

Unha vez tensada a corda ao límite por parte da Dirección da AEAT entendemos que a Resolución non podía afastarse da aposta á que nin unha coma mudou e que xa tiña a beizón da organización que parece inspirar os pasos da Dirección da AEAT e que xa dera o seu si hai un mes. Na CIG cremos que nese punto afrouxar non era a vía

Lamentamos que a Dirección da AEAT siga afondando na desigualdade salarial, aplicando modelos antisociais e fomentando agravios entre os traballadores e menos que se aproveite da perda de poder adquisitivo das empregadas públicas para seguir a empobrecer ao seu persoal e impoñer condicións de traballo cada vez peores

Se algo era malo hai un mes, cremos que segue sendo malo hoxe se é exactamente o mesmo. Polo tanto, e por segundo anoa CIG non asina o acordo de renda porque cada vez está máis lonxe de cubrir as expectativas que o persoal ten nel