A Dirección da AEAT teima no seu concurso de carreira vertical para CTH e AHP tramos 5 e 6 a costa da carreira de todo o persoal

Xoves, 26 Feb 2026

A mesa xeral de negociación celebrada evidenciou o xa sabido: a nula vontade da Dirección da AEAT a negociar absolutamente nada sobre a carreira profesional de todo o seu persoal. Dúas frases feitas retratan á perfección esta actitude: “ordeno, mando, dispoño e fago facer” e “que a realidade non estrague o teu titular”
A Dirección da AEAT- representada pola Directora do Departamento de Recursos Humanos- teimou en convocar dous concursos de carreira vertical. Un para 1131 prazas para o CTH co seguinte detalle:

·        775 de Técnico A nivel 26 con complemento específico de 22.106,14€ (que ven sendo o tramo 6 do Acordo de Carreira),
·        256 de Técnico B cun complemento específico de 24.823,40€ e
·        100 de Técnico C cun específico de 29.812 €
A eles poderán optar o persoal do CH que actualmente está en comisión de servizos e postos de libre designación, quen están actualmente en postos de carreira vertical A e B e nos tramos 5 e 6 de carreira ademais de todas aquelas persoas destinadas noutros organismos (Ministerio, IEF, TEARs…)

E crea 500 prazas de 500 prazas de Axente Coordinador de Persoal Laboral A cun complemento específico de 13.651,68€ aos que poderán concorrer os AHP tramos 6 e 5

Desde o punto de vista da CIG, estamos ante concursos específicos cun peso moi relevante de méritos ligados ao desempeño previo e á valoración xerárquica. Entre os criterios previstos inclúese a avaliación mediante informe da xefatura, un elemento que pode resultar decisivo na puntuación final e que introduce un grao importante de discrecionalidade- cando non clientelismo- nun proceso que debería garantir igualdade real de oportunidades

Desde a CIG advertimos que este tipo de procesos non constitúen unha verdadeira política de carreira profesional- que lembramos, é un dereito de todo o persoal da Admón Pública. Son medidas parciais que poden consolidar diferenzas internas e que, de feito, semellan máis orientadas a reorganizar postos ou agradecer favores que a garantir dereitos profesionais

Para a CIG, resulta indecente que nun panorama de perda acumulada de poder adquisitivo do persoal público de máis do 20% desde 2009 e nun escenario onde seguirán conxeladas todas as outras retribucións do persoal da AEAT (PIA, campaña de renda, produtividades, con todas as eivas que cada unha destas ten de seu) a prioridade do goberno máis progresista da historia (!!) sexa armar e resolver un concurso para os tramos máis altos da AEAT cando hai persoal que xa non chega a fin de mes. Se a AEAT non ten A2 de tramos altos aos que encomendar sinatura de expedientes é culpa precisamente da súa resistencia numantina a aplicar o Acordo de Carreira!

E isto acontece mentres a Dirección da AEAT modificaba unilateralmente a reserva de provincia a quen promocionou ao CTH o pasado ano, evita sequera actualizar co IPC os tramos de PIA ou campaña de renda, expulsa ás compañeiras que promocionaron ao A2 de corpos xerais polas barreiras que de facto se impoñen á promoción interna, deixa centos de prazas sen cubrir nos procesos selectivos…. A prioridade, amañar o de uns poucos

Por este motivo, insistimos en tres ideas claras que a CIG ven poñendo sobre a mesa desde a saída do conflito- cuxos compromisos de saída son violentados sistematicamente pola Dirección da AEAT que os asumiu e asinou:
·        non nos opoñemos aos concursos como ferramenta administrativa,(de feito levamos anos demandando a convocatoria de concursos de carreira vertical como parte da aplicación do Acordo de Carreira!) mais
·        opoñémonos a que se prioricen antes de actualizar a carreira, e
·        esiximos a actualización e aplicación do Acordo de Carreira, como se comprometeu a Directora da AEAT, que afecta á universalidade do persoal da AEAT

Desde o punto de vista da CIG, a orde lóxica é evidente: primeiro negociar a carreira e despois desenvolver os mecanismos de provisión necesarios. Facer o contrario significa resolver as circunstancias de determinadas persoas en primeiro lugar condicionando toda a estrutura da organización e a provisión de postos de cara ao futuro

A Dirección da AEAT rematou por retirar o documento sobre a planificación de concursos e nova estrutura de postos para a AEAT mais que turrra e segue adiante cos seus dous concursos. Na CIG consideramos que se as premisas de partida son erradas, as conclusións van ser erróneas por forza. En todo caso, que non conten coa CIG para amañar o dus poucos mentres seguen empeorando as condicións e retribucións da maioría do persoal da AEAT