A informática que non ves: 472 millóns para fóra, SEGA 3 para dentro
Nas últimas semanas publicamos datos que demostran como a AEAT destinou 472 millóns de euros entre 2023 e 2026 a empresas privadas para facer o traballo que debería facer o seu propio persoal informático. Mentres os paneis de mobilidade dos Corpos informáticos seguen bloqueados e as Delegacións traballan en precario dixital, a Axencia externaliza sen límite.
Hoxe queremos falarche doutra cara do mesmo modelo.
Hoxe queremos falarche doutra cara do mesmo modelo.
CONTROLAN O DE FÓRA. E TAMÉN O DE DENTRO.
Ao mesmo tempo que a AEAT entrega o seu sistema informático a empresas externas, pon en marcha SEGA 3: unha ferramenta de seguimento dixital do persoal propio.
O que nos din que é: un "complemento obxectivo" para axudar aos supervisores a coñecer a actividade dos equipos, especialmente en teletraballo.
O que os datos do propio manual revelan:
- Rexistra os teus accesos a aplicacións, tempo de conexión, correos enviados, reunións Zoom e accións en ferramentas como ZUJAR ou GENIO.
- Permite ao teu supervisor descargar microdatos individuais e combinalos con "información externa obtida doutros sistemas" -sen especificar cales.
- Inclúe a túa fotografía na pantalla de consulta, sen ningunha xustificación funcional.
- Ten unha vista que permite agrupar o persoal por sexo, con indicadores de actividade. A Lei de Igualdade chámalle a iso discriminación indirecta potencial.
- O propio manual recoñece que non rexistra o traballo real dos grupos C1 e C2: nin documentos Office, nin atención ao público, nin desprazamentos, nin reunións presenciais, nin conversas telefónicas.
O MODELO COMPLETO
Xuntos, externalización e SEGA 3 contan a mesma historia:
A AEAT non confía no seu propio persoal para desenvolver e manter os sistemas informáticos que xestiona -e paga 472 millóns a empresas privadas para substituílo.
Á vez, non confía no seu propio persoal para traballar con autonomía e responsabilidade -e instala un sistema de vixilancia dixital que mide clics e conexións.
O resultado é un modelo no que o persoal público queda reducido a executante vixiado, mentres o coñecemento estratéxico e a infraestrutura crítica pasan a mans privadas.
O QUE NON DIN
Sobre SEGA 3, a dirección da AEAT informou aos sindicatos en dúas páxinas. Sen mencionar:
- A posibilidade de descargar microdatos individuais.
- A vista Pivot con agrupacións por sexo e idade.
- Con que "sistemas externos" se combinan os datos.
- Canto tempo se gardan. Quen ten acceso real. Se se usan para adestrar IA.
- Por que aparece a fotografía do empregado.
O QUE ESIXIMOS
- Que SEGA 3 non se use con fins avaliativos mentres non se negocie o protocolo de uso e se garanta a transparencia metodolóxica completa.
- Que se elimine a fotografía do persoal da pantalla de consulta dos supervisores.
- Que se suprima a descarga de microdatos individuais sen control nin rexistro de acceso.
- Que se facilite o código fonte e a metodoloxía de selección de indicadores, en cumprimento da doutrina do Tribunal Supremo sobre transparencia algorítmica.
- Que cada empregada e empregado teña acceso aos seus propios datos rexistrados por SEGA 3.
- E, como xa esiximos, que se activen os paneis de mobilidade do persoal de informática (TAI,...) e se internalice o traballo informático que hoxe pagan os contribuíntes a empresas privadas.
A loita é o único camiño!