Adxudicación do panel AHP 2024P05 de Axentes de Facenda

Venres, 22 Nov 2024

Durante o martes e mércores tivo lugar a comisión de seguemento do Acordo de paneis para analizar as adxudicacións provisionais do panel 2024P05, de Axentes de Facenda (AHP). En Galiza partiamos dunha situación inicial de 88 adxudicacións, para pasar a adxudicar finalmente 92 prazas grazas aos datos sobre a situación das distintas Administracións e dependencias que desde a CIG trasladamos. Destas 92 adxudicacións, 52 serán cubertas por compañeir@s que proveñen de postos de fóra de Galiza. Con todo, desas 88 adxudicacións iniciais, 37 eran movementos dentro do propio país para achegarse ás cidades e vilas de orixe das persoas solicitantes (consulta o Anexo)

A pesar de ter trasladado desde a CIG problemas de falta de efectivos en diversos lugares- con datos sobre xubilacións, baixas, promocións internas, etc- e propor incrementar a cobertura de prazas en Delegacións e Administracións con pouco persoal e elevada media de idade, non conseguimos persuadir aos responsables da AEAT.
Cuestionamos esta tendencia a deixar afogar as administracións máis pequenas e non anticiparse aos problemas de falta de persoal que segue a Delegación Especial de Galiza e mais a Dirección da AEAT. Volvimos demandar que saian, en todos os paneis, todas as prazas como posíbeis para que non aconteza o que sucedeu neste panel en Ribeira mais en Ponteareas: por movementos no panel cara outros destinos quedan sen varias persoas e sen poder cubrir as resultas provocadas por non ter convocado, como posibles, as prazas. Se a esa situación sumámoslle as xubilacións producidas, quedan as Administracións en cadro por non ter ofertado sequera como posíbel o destino e comprometendo gravemente as condicións de traballo do persoal que queda nelas e mais a calidade do servizo público.
Este ano a maiores xurdiu un problema no ADI de Vigo, xa que só se cubriron 6 das 8 saídas que houbo, polo que se pode dar a paradoxa de que, por primeira vez, queden prazas sen cubrir no panel, e que o primeiro destino dalgún dos aprobados por turno libre nesta última convocatoria accedan a unha praza no país antes que compañeir@s que aprobaron a oposición na convocatoria anterior, e que levan traballando xa preto dun ano na Administración, pero no momento da publicación do panel non cumprían o requisito dos 12 meses traballados. É unha advertencia que practicamente todas as organizacións vimos facendo panel tras panel e que se dá por primeira vez no ámbito da Delegación Especial de Galiza con este panel
Facemos pois unha valoración agredoce deste panel desde a CIG, dado que se ben son máis de medio cento os galegos e galegas repatriadas, a política de persoal que se segue na Delegación e nos Servizos Centrais manteñen, e mesmo agravan nalgúns casos, a precariedade de medios das Administracións situadas nas cabeceiras comarcais, cunha incidencia directa e negativa tanto na calidade do servizo público como na carga de traballo e, eventualmente, na saúde das nosas compañeiras e compañeiros
  • Mobilidade
Segundo os datos ofrecidos pola propia administración, a mobilidade do panel AHP 2024P05 producirase durante o vindeiro mes de abril.