Adxudicacións Panel mobilidade Corpo Técnico de Facenda 2026P04

Xoves, 09 Xul 2026

Veñen de rematar os traballos da comisión de seguimento do acordo de paneis para a adxudicación do panel do Corpo Técnico de Facenda (CTH) 2026P04.

Finalmente, o número de adxudicacións en Galiza será de 27. Partiamos dunha situación inicial de 11 adxudicacións de prazas. Malia a nosa insistencia -e a do resto da parte social- apenas logramos incrementar a listaxe en 14 adxudicacións máis, levándoa a 27 prazas.
Lamentamos a maneira en que a Dirección da AEAT e os diferentes departamentos establecen as prioridades para a cobertura de prazas, ignorando as necesidades reais das distintas Delegacións e Administracións. Desde a CIG fomos poñendo sobre a mesa todos os datos, a falta de efectivos en distintos lugares, o dereito á mobilidade do persoal, etc., xustificando a necesidade de incrementar a cobertura de prazas en Delegacións e Administracións con pouco persoal e elevada media de idade, pero non conseguimos persuadir aos responsables da AEAT.

Insistimos especialmente en Ourense, por ser o territorio galego ao que máis tempo se tarda en chegar desde o resto do Estado, o que agrava aínda máis a dificultade estrutural para cubrir as súas prazas e perpetúa o déficit crónico de persoal nesta provincia. Tamén insistimos con firmeza en Pontevedra -especialmente nas prazas de Ponteareas, Pontevedra e Vigo- e nas do resto de localidades que figuraban no panel, sen que a Dirección amosase vontade real de atender estas peticións.

A maiores, temos que ter en conta que no panel de Inspectores acaban de adxudicarse 5 prazas en Galiza: unha en Pontevedra, dúas en Vigo e dúas máis na Coruña. Resulta cando menos contraditorio que se conceda esta mobilidade a inspectores mentres se nega sistematicamente ao persoal técnico, cando é evidente que con 5 inspectores máis adxudicados en panel precisarán, necesariamente, máis técnicos que dean soporte ao seu traballo. A propia lóxica organizativa da AEAT esixiría reforzar estas localidades tamén no corpo técnico, e non facelo amosa unha falta de planificación -ou unha prioridade distinta- por parte da Dirección.

A pesar de que até o último momento desde a CIG tratamos de persuadir aos responsables da AEAT para incrementar as adxudicacións en Galiza, foi en balde, pois a prioridade do Departamento é, unha vez máis, cubrir prazas en Madrid.

Na CIG non entendemos que, por unha banda, se estea a levar adiante un proceso de rexionalización no ámbito da xestión tributaria en Galiza e, por outra, en sentido contrario, desde Madrid -e ignorando todo este proceso- se negue a mobilidade e se xustifique manter á xente nos postos que ocupa en lugar de achegala ao seu domicilio (mediando, en moitos casos, conciliacións), cando se mantén na dependencia de Xestión Tributaria e o traballo xa se está a facer en equipos compostos por persoal con destino en distintas localidades de Galiza. Se realmente existe rexionalización no traballo diario, non hai xustificación técnica ningunha para negar a rexionalización na mobilidade: se deixasen moverse ao persoal con liberdade, todos poderiamos estar o máis preto posible da nosa casa -é dicir, a auténtica deslocalización que a propia AEAT xa aplica cando lle interesa-, pero seguen a negarse a entendelo.
 
Na CIG entendemos que, de teren aceptado estas propostas nas diversas localidades solicitadas, as persoas adxudicatarias do panel mellorarían a súa situación indo á súa localidade e, ademais, reforzaríase o servizo público e a atención presencial en tódalas pequenas Administracións.

Por último, cómpre denunciar o discurso oficial da Dirección, que sostén que neste panel se produciron máis movementos que nunca. Os datos desmenten esta afirmación no caso de Galiza: fronte aos 38 movementos do ano pasado, este ano apenas se acadaron 25. É dicir, moitos menos movementos en Galiza, mentres que, como dixemos, é Madrid quen concentra a maior parte da mobilidade acadada. Isto evidencia que o discurso triunfalista da Dirección non se corresponde coa realidade do noso territorio e serve unicamente para agochar o abandono sistemático das necesidades galegas.

Moito nos tememos que, no fondo, a intención da Dirección da AEAT segue a ser afogar as PIAs negándolles o persoal preciso para unha atención cidadá de calidade, derivar ao público a chats e teléfonos co novo modelo de información e asistencia e, finalmente, acabar pechando as PIAs concentrándonos en Administracións máis grandes e Delegacións. Algo indefendíbel desde a óptica dun servizo público de calidade e inasumíbel nun país coas comunicacións e transporte público que ten Galiza!

Cuestionamos esta tendencia a deixar afogar as administracións máis pequenas e a non anticiparse aos problemas de falta de persoal que mantén a Dirección da AEAT, así como que se negue, por sistema, as solicitudes para cambiar de área nos paneis -que na CIG entendemos que supoñen a evidencia doutro tipo de problemas que tamén se está evitando atallar por parte dos responsables da AEAT.

Listaxe completa no noso Blog mais no anexo.

Mobilidade
Segundo os datos ofrecidos pola propia administración, a mobilidade deste panel 2026P04 producirase antes do Nadal (polo 10 de decembro). No caso de adxudicatarias/os con fillas/os, probabelmente sexa ao redor do 10 de setembro.

Outras previsións de Paneis: