Calendario laboral e teletraballo na AEAT: un paso atrás que a CIG non vai aceptar

Xoves, 14 Mai 2026
A Dirección da AEAT presentou na mesa de negociación a súa proposta dun novo Acordo de Calendario Laboral e o borrador de Acordo de Teletraballo. Para a CIG é unha proposta regresiva, tramposa e inaceptable.

A AEAT foi durante anos a vangarda da negociación colectiva e o modelo en que se miraban outras dependencias e organismos da Administración Pública. A Dirección da AEAT pretende igualar á baixa ao resto da AGE, eliminando os dereitos conquistados en negociación colectiva: o incentivo de presenza efectiva, as medidas de conciliación, a bolsa de horas, os días de enfermidade de curta duración... Todo iso desaparece. Oxalá o máis grave fose a retirada do incentivo de presenza; o problema é que todo o demais é igual de aberrante!

É ademais tramposa. En primeiro lugar polos tempos. O único que exixe a Resolución sobre a xornada de 35 h é adaptar o calendario. Non mudalo. E adaptalo é simplemente substituír as referencias ás 37,5 h por 35. Xornada de 35 h que a AEAT xa tiña, por outra banda, desde o Acordo de Carreira porque o “incentivo efectivo de presenza” foi a maneira de poñer por escrito a xornada efectiva de 35 h. A negociación do calendario laboral, para xaneiro e sen estas présas...

Tramposa porque retira incluso cousas que figuran na Resolución aprobada polo Goberno para toda a AGE, como a definición da parte fixa da xornada. E todo iso canalizado a través dunha nota informativa anónima que ninguén asina que declara suprimidas medidas de conciliación. Para maior esperpento, ninguén da Dirección da AEAT foi quen onte  de aclarar se implica sancionar a quen estea a facer a día de hoxe a xornada fixa que determina a Resolución publicada no BOE en lugar da que pon esta nota anónima.

E dado que as mulleres seguen a ser aínda hoxe quen maioritariamente asumen a conciliación. A proposta da Directora da AEAT e a súa Directora de RRHH é especialmente regresiva para as mulleres que traballan na AEAT. Retirar a bolsa de horas e dificultar as medidas de conciliación é, consecuentemente, regresivo tamén nas políticas de igualdade que a AEAT di querer implementar. Grandilocuencia para o 8 de marzo e o 25 de novembro; recortes o resto do ano.

O peor non son os recortes concretos. O peor é a filosofía que os impregna: a presunción de que o persoal da AEAT incumpre e hai que castigalo. Máis carga de traballo, menos dereitos. Seguimos con retribucións do ano 2003 e unha perda de poder adquisitivo acumulada de máis do 20%. Para a Dirección da AEAT está ben así, mais nin pagan o traballo do seu persoal nin en diñeiro nin en melloras sociais. Din que o persoal da AEAT é a elite da función pública, mais a prezo de low cost.

En materia de teletraballo: dous días non son suficientes. As Delegacións do Goberno xa teñen tres desde setembro de 2025. Non existe argumento organizativo nin xurídico que xustifique que a AEAT quede por detrás. A CIG leva anos presentando propostas neste sentido.

As nosas liñas vermellas:
  • Manter o Calendario Laboral de 2003. Isto implica a recuperación do incentivo de presenza efectiva (30 min/día) ou compensación equivalente. O Tribunal Supremo recoñeceu que é tempo de traballo efectivo.
  • Supresión das restricións ilegais á bolsa de horas para Inspección, Aduanas e Atención ao Cidadán.
  • Mantemento do cómputo mensual do horario: un déficit dun día non pode supoñer desconto salarial inmediato nin a retirada do PIA
  • Tres días de teletraballo, non dous. Sen compensacións concretas, non hai acordo.
Para a CIG, as 35 horas son un punto de partida. Defendemos as 32 horas semanais en toda a Administración Pública. O que nos poñen hoxe sobre a mesa é ir para atrás, e iso non o imos asinar.

Non imos entregar dereitos. Non imos ser cómplices.

A loita é o único camiño!