Documentos de aclaracións ao PIA 2025

Venres, 02 Mai 2025
A AEAT presentou un documento de aclaracións ao PIA similar ao de pasados anos

Así, a Dirección da AEAT mantén unha resistencia numantina a admitir que o persoal con réxime de traballo a distancia todos os días da semana debido a motivos de saúde poida participar do PIA. Ao parecer, o sistema de marcaxes virtuais e os diversos controis sobre o traballo do persoal por medio de zújares e demais ferramentas non garanten o cumprimento do PIA, din

Por outra banda, os directivos da AEAT volven introducir no documento de aclaracións un "convite" a realizar un incremento horario superior ás 12 horas exixidas que "podería" ser considerado a efectos da participación nos pagos variables que excedan a retribución mínima garantida, aínda que non se coñece de ningún caso no que así o fixeran. Despois de coñecerse o escandaloso reparto discrecional da parte variable do PIA 2024 no corpo de inspectores, agora pretenden que fagamos aínda máis horas das exixidas para ver se caen unhas migallas da súa mesa

A Dirección da AEAT mantén, ao que se ve, a liña de aproveitarse de que parte do persoal da AEAT segue a perder poder adquisitivo e ten complicado chegar a fin de mes- nomeadamente todos os axentes, C1, C2 e E que están en primeiro destino- e pretende exixirlle xornadas moi por riba do legalmente exixíbel e retribuídas cunha propina ou unhas migallas.