
Falta de compromiso da Administración cos temas máis urxentes que atinxen ós empregados do Ministerio de Transportes

NOTA INFORMATIVA DA REUNIÓN DA MESA DELEGADA CELEBRADA O 4 DE XUÑO DO 2025 NA SEDE DO MINISTERIO DE TRANSPORTES
O Subsecretario do departamento preside a reunión da Mesa Delegada do 4 de xuño, xunto coa Directora Xeral de Organización e Inspección, a Subdirectora Xeral de Recursos Humanos e as Directoras e Directores Xerais dos diferentes ámbitos sectoriais. A longa reunión, de case sete horas de duración, tratou as seguintes cuestións da orde do día, das que salientamos as de maior interese para o noso sindicato:
- O reparto da productividade de funcionarios e laborais carece de transparencia e duns criterios obxectivos na súa asignación. É preciso a creación dun grupo de traballo para consensuar un reparto equitativo e homoxéneo da mesma, de poñer fin ás gratificacións ocultas e dotar de publicidade e transparencia ó proceso de asignación.
- En relación co traballo a distancia, consideramos arbitrarias e discrecionais as chamadas “necesidades do servizo” que motivan a concesión do traballo a distancia, sen criterios claros e obxectivos que permitan xustificar as diferenzas entre empregados con tarefas análogas.
- As axudas sociais do noso Ministerio veñen de perder máis dun 50% do orzamento trala etapa de recortes. A Administración responde que solicitaron ó Ministerio de Facenda un incremento do 21%.
- A Administración informa da situación actual de efectivos e das áreas funcionais que afectan ó noso Ministerio, así como da situación do persoal con discapacidade. Pensamos que é urxente a convocatoria dos grupos de plantillas dos distintos centros directivos para a súa análise e organización, así como unha racionalización dos postos de traballo e tarefas. A maioría dos postos laborais están vacantes e asistimos a unha amortización continuada en favor da creación de postos directivos con elevados complementos.
- Abuso do recurso de persoal externo que, nalgúns casos prestan servizos nas próprias dependencias da Administración e realizan tarefas non limitadas a asuntos técnicos senón tamén a labores administrativas reservadas a empregados públicos.
- En relación ó persoal con discapacidade, a lei esixe unha adaptación do posto de traballo ó empregado, a creación de unidades de inclusión facendo especial fincapé na xestión da prevención de riscos laborais para este persoal. A parte social propón a creación dun grupo de traballo de persoal con discapacidade para a súa análise.
- Gran parte da reunión estivo centrada nas propostas de complementos de persoal laboral que Función Pública desestimou e sobre os criterios aplicados na denegación ou aceitación das propostas de complementos remitidas ate hoxe. A posición do noso sindicato é clara: Non aceitar as amortizacións de postos vacantes para financiar as modificacións ou creacións de novas prazas. Este sinsetido só pode conducir á descapitalización dos recursos humanos dun departamento baixo mínimos.
- Situación de desigualdade nos complementos específicos mínimos, C1 e C2 sobre todo. É urxente a convocatoria dos grupos de traballo de concursos e plantillas – inactivos nas últimas datas- para abordar numerosas ineficiencias: abuso da figura da comisión de servizos como acceso a vacantes que non saen a concurso ate ter un candidato previo, así como o feito de que a concesión das devantidas comisións están suxeitas á discrecionalidade ou denegación previa por “necesidades do servizo”, que noutros casos non se produce. Tamén debemos subliñar que en moitos casos as prazas de novo ingreso non saen previamente a concurso de traslados.
- A CIG segue demandando a inclusión dos servizos periféricos da Marina Mercante no acordo de oficinas de atención á cidadanía e rematar co agravio comparativo que supón que os empregados deste Ministerio teñan complementos específicos e niveis retributivos inferiores ós doutros Ministerios facendo tarefas análogas.
En definitiva, asistimos a unha moi longa reunión onde a Administración máis que compromisos e solucións a curto prazo, botou balóns fóra hacia Función Pública, limitouse a describir a situación poñendo panos quentes, boas palabras e promesas baleiras. Botamos en falta a convocatoria de numerosos grupos de traballo previos á Mesa Delegada para poder concretar medidas e levalas maduras a devandita reunión, e non esperar seis meses para facer balance dunha xestión máis retórica que práctica. O sindicato CIG segue loitando para evitar o desmatelamento dun Ministerio baixo mínimos e para acadar unha asignación obxectiva dos recursos económicos, transparente e pública, fronte á arbitrariedade, opacidade e discrecionalidade imperante.
En A Coruña, xuño de 2025,
CIG-MITMS