35 horas na AEAT: aplicación unilateral, melloras aparentes e dereitos perdidos

Xoves, 30 Abr 2026
Desde o 16 de abril de 2026 a nosa xornada xeral é de 35 horas semanais (1.533 h anuais), en aplicación da Resolución da Secretaría de Estado de Función Pública do 14/04/2026 (BOE do 15/04). A Dirección da Axencia comunicouno mediante unha simple nota informativa, sen tratarse na pertinente mesa de negociación.


ANTES (Acordo 2003+guía) AGORA (desde 16/04/2026) VALORACIÓN CIG
37,5 h/semana — 1.647 h/ano 35 h/semana — 1.533 h/ano 114 h menos/ano
Especial dedicación: 40 h Especial dedicación: 37,5 h 2,5 h menos/sem.
Incentivo de presenza: 30 min/día (15+15) ELIMINADO por nota de RRHH Recorte sen negociación. Non é aceptábel
Bolsa de horas: 5% de 1.647 h ≈ 82 horas/ano 5% de 1.533 h ≈ 76 horas/ano Recorte — 6 horas menos/ano
Parte fixa: 8:30–14:30 (6 h) Mantense 8:30–14:30 (provisional) Debe negociarse

 


 
A REALIDADE: O QUE XA TIÑAMOS NA AEAT
Boa parte do que se presenta como novidade da Resolución do 14/04/2026 xa estaba en vigor na AEAT a través da Resolución AGE 2019, da Guía de permisos da Axencia ou da práctica consolidada:
  • Bolsa de horas do 5%: xa a tiñamos. E coa nova xornada, redúcese de ~82 h a ~76 h anuais.
  • Xornada intensiva de verán xeral e para proxenitores con fillos <12 anos: xa estaba en vigor na AEAT.
  • Días adicionais de vacacións por antigüidade desde o día seguinte ao cumprimento: xa se viñan desfrutando así na práctica.
  • Flexibilidade de 1 e 2 horas, redución de xornada, e a maior parte da regulación de conciliación: xa estaba na Guía de permisos.
O QUE MANTEMOS EN PLENA VIXENCIA
A Resolución do 14/04/2026 céntrase só en xornada e horarios. Non afecta a maior parte dos permisos e licenzas que veñen contemplados na Guía de permisos da AEAT, na Lei do EBEP e na normativa específica: permisos por parto, paternidade, lactación, adopción, redución de xornada por garda legal ou coidado de familiar, fillo/a con enfermidade grave, violencia de xénero, enfermidade, formación e adaptación progresiva tras tratamentos médicos. Todos eles seguen vivos.

O QUE PERDEMOS
  1. Incentivo de presenza efectiva: eliminado unilateralmente. Eran 30 min/día como traballo efectivo (Cláusula 14ª do Acordo 2003) que se perden sen negociación nin compensación.
  2. Bolsa de horas reducida: ao baixar a xornada anual de 1.647 a 1.533 h, o 5% da bolsa pasa de ~82 a ~76 horas. Perdemos 6 horas anuais de flexibilidade.
  3. Marco horario coherente: queda no aire sen calendario novo, con tensións entre as cláusulas do Acordo 2003 e a regulación AGE.
O QUE NON ACEPTA A CIG
A Dirección da Axencia Tributaria eliminou unilateralmente o incentivo de presenza efectiva (30 min/día como traballo efectivo, Cláusula 14ª do Acordo 2003) sen tratarse na pertinente mesa de negociación. Esta figura é parte do Acordo de Carreira e a súa supresión supón un paso máis na demolición do marco creado mediante a negociación colectiva. Isto vulnera o art. 37.1.m) do TREBEP, que obriga a negociar calendarios, horarios e xornadas.

AS DEMANDAS DA CIG
  • Apertura inmediata da Mesa de Negociación do Calendario Laboral da AEAT, no prazo dun mes que marca a propia Resolución (apt. 15). Suponse que nos van convocar para a Mesa o vindeiro mércores día 6 de maio. Isto é algo que a Dirección da AEAT negociou con tan só unha parte da representación sindical. Un tema este totalmente inaceptable, xa que as reunións deben ser todas nas Mesas de Negociación.
  • Recuperación do incentivo de presenza efectiva ou unha compensación equivalente, negociada coas organizacións sindicais. Dende a CIG pelexaremos pola xornada de 32 horas, ao igual que se está a pedir en toda a Administración.
  • Manter o cómputo previo da bolsa de horas (≈82 h) sen redución pola baixada de xornada.
  • Garantías de que ningún colectivo perda dereitos que xa tiña recoñecidos no Acordo 2003 ou na Guía de permisos da AEAT (especialmente en conciliación).
  • Negociación integral do novo calendario laboral que inclúa parte fixa, flexible, xornada de verán e especial dedicación.
 
CONCLUSIÓNS
Cando se mira de preto o que aplicou RRHH, o saldo é claro: moi pouca mellora real e algún recorte concreto.
Si, gañamos 2,5 horas semanais (de 37,5 a 35), e algo equivalente os de especial dedicación. Pero esa redución vén imposta pola normativa da AGE, non é mérito da Dirección da Axencia. Todo o demais que se presenta como avance —bolsa de horas, intensiva de verán para proxenitores, vacacións por antigüidade, flexibilidades de conciliación— xa o tiñamos antes. E pola contra perdemos o incentivo de presenza efectiva e ata seis horas anuais da bolsa de flexibilidade.
Por iso, desde a CIG temos clarísimo que a aplicación das 35 horas, tal e como se fixo, non mellora as condicións reais do persoal da Axencia. O que necesitamos é o que a Dirección da Axencia eludiu desde o primeiro día: abrir unha negociación seria de todos os aspectos do acordo horario —xornada, parte fixa e flexible, conciliación, especial dedicación, xornada de verán, bolsa de horas e compensacións— para construír un calendario laboral que si supoña unha verdadeira mellora para as traballadoras e traballadores da AEAT.
Esa negociación é unha obriga legal (art. 37.1.m do TREBEP), e a propia Resolución do 14/04/2026 marca un prazo dun mes para adaptar os calendarios. É o momento de esixilo.