Información do próximo concurso do MInisterio de Política Territorial e Memoria Democrática
Anuncian a próxima publicación do concurso xeral de méritos da AGE no Territorio
A Administración comunicou que, unha vez recibida a autorización da Dirección Xeral da Función Pública e da Secretaría de Estado de Función Pública, procederá á sinatura e posterior remisión ao BOE da convocatoria do concurso xeral de méritos que permanecía pendente de publicación.
Segundo a información facilitada, o concurso incluirá 670 postos de traballo de niveis 22 e inferiores, vinculados principalmente a funcións relacionadas con estranxeiría, procedementos sancionadores, dereitos da cidadanía e seguridade cidadá, autorizacións administrativas, información á cidadanía e outras funcións propias das distintas unidades das Delegacións e Subdelegacións do Goberno.
A Administración indica que o número inicial de postos propostos ascendía a 840 prazas, cifra que posteriormente foi reducida ata as 676 prazas. Posteriormente, a Secretaría de Estado de Función Pública formulou diversas observacións, entre elas a retirada de varios postos de nivel 15 dos subgrupos C1/C2 por non adaptarse ao establecido na disposición transitoria sexta do Real Decreto-lei 6/2023, que fixa o nivel mínimo 16 para o subgrupo C1.
Como consecuencia destes axustes, o concurso contará finalmente con 670 postos correspondentes a determinados postos con funcións específicas, especialmente, axudantes e auxiliares de estranxeiría, xefaturas de negociado de estranxeiría, postos habilitados de nivel 18 nas Direccións Insulares e oficinas de información á cidadanía.
Segundo a información trasladada pola Administración a publicación prevese durante a primeira quincena de xuño de 2026 e a resolución do concurso estímase para decembro de 2026 ou xaneiro de 2027.
A propia Administración recoñece que, debido ao elevado número de postos convocados, á previsión dunha alta participación e ao gran volume de solicitudes de destinos en todo o territorio estatal, resulta probable que se esgote o prazo máximo de seis meses previsto para a resolución do procedemento.
Valoración da CIG
Desde a CIG consideramos positiva a convocatoria dun concurso amplamente demandado polo persoal, que debe contribuír a favorecer a mobilidade voluntaria e a cobertura estable dos postos de traballo.
Non obstante, resulta necesario seguir avanzando cara a unha planificación máis eficaz dos procesos de provisión de postos, evitando retrasos excesivos tanto na convocatoria como na súa resolución, e garantindo que as necesidades estruturais de persoal sexan abordadas mediante unha adecuada planificación dos recursos humanos.
Desde a CIG continuaremos realizando o seguimento deste proceso e trasladaremos puntualmente toda a información relevante ao persoal afectado conforme se produza a publicación oficial da convocatoria no BOE.