Máis traballo, menos salario real: a AEAT mantén conxelado o PIA mentres a recadación segue medrando
Na reunión celebrada hoxe para negociar o PIA 2026, a Dirección da AEAT presentou unha proposta que mantén conxeladas as retribucións do plan mentres continúa aumentando a esixencia de resultados ao persoal
> O contexto: incremento brutal do custo da vida
> O contexto: incremento brutal do custo da vida
A proposta de conxelar o PIA dous anos máis dáse nun contexto onde a propia AEAT gábase dun récord de recadación no pasado 2025 e nun marco de perda constante de poder adquisitivo do persoal ao servizo das Administracións Públicas
Desde a CIG lembramos que o IPC acumulado desde 2014 supera amplamente o 25%, polo que manter as mesmas contías supón unha perda moi importante de poder adquisitivo para o persoal
As contías do PIA levan máis dunha década sen actualizarse, polo que, nun contexto de forte subida do custo da vida, o persoal da AEAT está a cobrar cada vez menos en termos reais polo mesmo esforzo. Isto significa que, na práctica, o persoal da AEAT está a cobrar menos polo PIA que hai anos, xa que o incremento do custo da vida reduciu de xeito moi significativo o valor real destas cantidades
Todo isto prodúcese ademais nun momento no que a recadación tributaria segue medrando con forza, grazas ao traballo de todo o persoal da Axencia
> A recadación segue aumentando grazas ao traballo de todo o persoal
Esta conxelación das retribucións resulta aínda máis difícil de xustificar se se analizan os datos de recadación tributaria. Segundo os propios datos da Axencia Tributaria:
- Os ingresos tributarios acumulados ata novembro de 2025 medraron arredor dun 10%
- Só no mes de novembro a recadación aumentou un 19,2% respecto ao mesmo mes do ano anterior
> Un sistema de produtividade que segue xerando desigualdades
Outro dos problemas estruturais do PIA continúa sendo o reparto profundamente desigual da parte variable da produtividade. Como levamos anos denunciando desde a CIG, unha parte importante dos fondos distribúese con criterios pouco transparentes, o que provoca que a parte maioritaria da produtividade acabe concentrándose no subgrupo A1, mentres que o resto do persoal percibe cantidades moito máis reducidas
Desde a CIG seguimos defendendo a necesidade de renegociar en profundidade os criterios de reparto da parte variable, garantindo un sistema proporcional, máis transparente e máis xusto
> O teletraballo debe computar a efectos do PIA
Outro dos aspectos que deben aclararse é o relativo ao traballo realizado en modalidade de teletraballo. Na CIG defendemos que o incremento horario realizado en teletraballo debe computar plenamente a efectos do PIA, xa que se trata de traballo efectivo que contribúe igualmente ao cumprimento dos obxectivos do plan
Esta cuestión é especialmente importante para o persoal que desenvolve a súa actividade total ou parcialmente en modalidade de teletraballo
> As demandas da CIG para o PIA 2026
Desde a CIG defendemos que o PIA debe servir para recoñecer o esforzo de todo o persoal da AEAT, e non para consolidar a perda de poder adquisitivo
Por iso demandamos:
- Actualizar as contías económicas do PIA, tendo en conta o incremento do custo da vida. Sirva como exemplo que os 120€ mensuais dun grupo C1 ca subida do IPC debían ser hoxe 155€
- Un reparto máis xusto e transparente da parte variable
- Recoñecer plenamente o teletraballo no cómputo do incremento horario
- Garantir que o esforzo de todo o persoal teña un recoñecemento económico proporcional
A proposta da Dirección da AEAT para o PIA 2026 supón manter conxeladas as retribucións nun momento no que a recadación segue medrando con forza e as empregadas públicas perdemos máis poder adquisitivo
Desde a CIG seguiremos defendendo na negociación un modelo de produtividade máis xusto, máis transparente e mellor remunerado, que recoñeza realmente o traballo de todas as persoas que fan posible o funcionamento da AEAT
A Dirección da AEAT dixo que ía incorporar “algunhas” das ideas expostas na xuntanza, deixando caer que non mudará sustancialmente a súa idea de seguir a exixir maior esforzo por menos cartos