Mesa de Formación: a Administración recoñece a necesidade de recuperar os cursos de galego administrativo

Xoves, 25 Xun 2026
Na reunión da Mesa de Formación da AEAT celebrada no día de hoxe, a Administración presentou os datos definitivos do Plan de Formación Continua de 2025 e o estado de situación do PFC 2026.

Os datos confirman o problema de sempre
Os resultados do PFC 2025 amosan máis de 33.000 persoas matriculadas, pero só o 26% do persoal rematou algún curso. Como xa sinalamos en marzo, esta situación ten unha causa clara: a formación segue a realizarse fóra da xornada laboral. Mentres non exista un crédito horario específico dentro da xornada para realizar formación, o abandono continuará sendo elevado. Seguimos reclamando que a formación tamén é traballo.

O galego administrativo: un paso adiante, pero insuficiente
Este foi o punto central da nosa intervención. Na mesa de marzo solicitamos a creación dun curso de galego administrativo para o persoal destinado en Galiza, e a Administración comprometeuse a explorar fórmulas de colaboración con organismos públicos galegos.
Na reunión de hoxe recibimos unha resposta concreta: a Administración contactou coa Delegación Especial de Galiza, que confirmou que hai anos existían cursos de galego administrativo impartidos pola Consellería de Cultura directamente na Axencia Tributaria, con moita demanda. Co paso do tempo a demanda foi diminuíndo, os cursos pasaron a impartirse na propia Consellería para quen os quixese facer, e finalmente deixaron de existir as dúas opcións. Segundo nos comunicaron, a Delegación Especial de Galiza vai retomar o contacto coa Consellería de Cultura para recuperar esta formación.
Valoramos positivamente que a Administración recoñeza a necesidade e dea este paso, pero esiximos que se concrete nun prazo razoable e que o resultado sexa un curso accesible para todo o persoal da AEAT en Galiza. Lembramos que os máis de 1.800 compañeiros e compañeiras da Delegación Especial levan anos sen contar con esta formación, mentres que o curso de catalán conta con financiamento e praza garantida no PFC.

Formación especializada para os corpos informáticos
Tamén solicitamos nesta mesa que se incorpore formación especializada para os corpos informáticos da AEAT, que actualmente carecen de cursos específicos adaptados ás súas funcións. A Administración tomou nota da petición e invitounos a suxerir ditos cursos.
Seguiremos defendendo un modelo de formación que se realice en tempo de traballo, que sexa útil e accesíbel para todo o persoal e que respecte plenamente os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.