Mesa de Formación: reclamamos tempo de traballo para a formación e un curso de galego administrativo na AEAT
Na reunión da Mesa de Formación da AEAT a administración presentou os datos sobre o desenvolvemento do Plan de Formación do ano pasado e sobre o plan de formación do 2026.
Os datos expostos volven confirmar algo que xa se vén repetindo nos últimos anos: a participación real na formación segue a ser limitada e o abandono continúa sendo elevado, agás naqueles cursos que teñen incidencia directa no posto de traballo, na carreira administrativa ou na promoción interna.
Os datos expostos volven confirmar algo que xa se vén repetindo nos últimos anos: a participación real na formación segue a ser limitada e o abandono continúa sendo elevado, agás naqueles cursos que teñen incidencia directa no posto de traballo, na carreira administrativa ou na promoción interna.
Esta situación ten moito que ver cun problema que xa levamos tempo sinalando: a formación segue sen contar con tempo real dentro da xornada laboral.
A formación tamén é traballo
A formación continua non pode depender do tempo persoal das traballadoras e traballadores da AEAT.
Mentres non exista un crédito horario específico dentro da xornada de traballo para realizar formación, moitos cursos seguirán percibíndose como unha carga engadida e non como unha ferramenta útil para mellorar o traballo diario.
Tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de contar con espazos adecuados para a formación nas Administracións e Delegacións, evitando situacións nas que realizar un curso supón estar no posto de traballo sen poder atender ao público ou baixo interrupcións constantes.
Mellorar os contidos da formación
Durante a reunión tamén se comentou a necesidade de seguir mellorando o contido dos cursos.
Valórase que se incorporen materias novas, mais resulta importante que a formación teña unha utilidade real para o persoal da AEAT e que os cursos sexan máis accesíbeis, máis actualizados e adaptados ao traballo diario.
O galego segue discriminado na formación da AEAT
Outro dos temas que se tratou foi o tratamento que recibe o galego dentro do Plan de Formación.
A inclusión dun curso de galego dentro dunha plataforma de idiomas estranxeiros segue a ser claramente insuficiente e non responde ás necesidades do persoal que presta servizo en Galiza.
Cómpre lembrar que o galego non é unha lingua estranxeira, senón unha lingua oficial e un dereito da cidadanía galega a ser atendida na súa propia lingua.
Proposta dun curso de galego administrativo
Neste contexto trasladouse unha proposta concreta: a creación dun curso de galego administrativo, orientado á atención á cidadanía e ao traballo dentro da administración tributaria.
Este tipo de formación xa existe en Galiza. Organismos públicos como a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ou as Escolas Oficiais de Idiomas imparten cursos de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal das administracións públicas.
Por iso se solicitou que a AEAT poida explorar fórmulas de colaboración con estes organismos, co obxectivo de facilitar que o persoal da Axencia Tributaria en Galiza teña acceso a esta formación.
Un curso deste tipo permitiría, ademais, cumprir dous obxectivos claros: mellorar a atención á cidadanía galega na súa lingua e ofrecer unha formación útil para o persoal, que tamén pode resultar puntuábel en concursos ou procesos de provisión de postos.
Garantir o uso do galego na atención á cidadanía non é algo accesorio: forma parte das obrigas das administracións públicas e é fundamental para prestar un servizo público de calidade en Galiza.
Por parte da Administración comunicóusenos que van a poñerse co tema e a ver se hai algunha forma de colaboración cos organismos xa existentes en Galiza para levalo adiante.
Seguiremos defendendo un modelo de formación que se realice en tempo de traballo, que sexa útil e accesíbel para todo o persoal e que respecte plenamente os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.