Mesa Delegada do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática
Na Mesa Delegada do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática celebrada este 18 de novembro, a CIG anunciou a súa abstención no novo regulamento. O Ministerio situou a finais de xaneiro a previsión de resolver o concurso xeral dos servizos territoriais e anunciou que agarda aboar as axudas de acción social nunha nómina específica de novembro.
1. Acta da reunión do 17 de decembro de 2025
A aprobación da acta figuraba como primeiro punto da orde do día. Na transcrición dispoñíbel non consta o resultado.
2. Regulamento da Mesa Delegada
A CIG abstívose porque boa parte das propostas que presentamos por escrito quedaron fóra do texto. Consideramos que é necesario dotarse dun regulamente pero entendemos que é moi xenérico e non desenvolve procedementos que consideramos necesarios.
3. Situación do persoal
O Ministerio cifrou en 6.850 persoas o persoal funcionario e laboral dos servizos territoriais a 15 de novembro, case 150 máis ca ao peche de 2025. A evolución foi desigual. O persoal C2 aumentou un 16,7 % e o A2 un 14,9 %, mentres que o C1 perdeu 143 efectivos (un 5 %) e o persoal laboral baixou de 764 a 730 persoas.
A Administración contabilizou arredor de 638 incorporacións de persoal funcionario en 2026 e prevé sumar antes de fin de ano 16 enxeñeiros agrónomos e 20 técnicos de inspección.
A incorporación do persoal C1 da OEP de 2025, inicialmente prevista para este ano, agárdase agora para o primeiro semestre de 2027, sen data pechada. En canto á mobilidade, ata o 15 de novembro saíran por concurso 75 persoas cara a outros ministerios, fronte ás 135 de todo 2025.
A taxa efectiva de vacantes segue por aclarar. O Ministerio falou dunha taxa inferior ao 7 % nunha simulación que supón que todo o persoal destinado en postos de novo ingreso con clave OCG pasa a postos estruturais. A propia Administración recoñeceu que debe comprobar que movementos son posíbeis por provincia, corpo e nivel. Comprometeuse a facilitar ese detalle e anunciou que quere impulsar os movementos mediante a produtividade por obxectivos. Para valorar a situación en Galiza, cómpre saber cantos postos seguen sen cubrir en cada centro e cantos se poden cubrir co persoal que xa está destinado alí.
En materia de saúde laboral, o Ministerio informou de que as dúas traballadoras do Posto de Control Fronteirizo de Alxeciras que precisaron ingreso hospitalario estaban fóra de perigo. O equipo de prevención está a recoller información sobre o sucedido. Tamén se anunciou unha próxima reunión da Comisión de Saúde Laboral e propúxose que se reúna polo menos dúas veces ao ano.
4. Concursos xerais e específicos
Ámbito e concurso Previsión comunicada polo Ministerio
Territorio · Concurso xeral
A comisión de valoración prevé reunirse a mediados de decembro. Tras a valoración provisional e o prazo de alegacións, o Ministerio agarda publicar a resolución a finais de xaneiro de 2027.
Territorio · Específico de secretarías xerais e outras áreas
A Administración quere convocar o concurso antes de rematar decembro. Inclúe postos de Protección Civil, Prevención de Riscos Laborais, habilitación e outras especialidades.
Territorio · Específico de Agricultura e Sanidade
Os traballos preparatorios comezarían a principios de 2027, unha vez convocado o anterior. Estúdase reunir un grupo de traballo para revisar os perfís dos postos. A convocatoria segue sen data.
Servizos centrais · Concurso específico
A resolución está pendente de sinatura. O Ministerio prevé publicala no BOE na semana do 23 de novembro e anunciou a incorporación de cinco persoas procedentes de fóra do departamento.
Servizos centrais · Concurso xeral
A Administración apraza a xaneiro de 2027 o inicio dos traballos preparatorios. A convocatoria segue sen data.
No concurso xeral do territorio convocáronse 671 postos e presentáronse 1.744 instancias con 20.657 peticións de postos. No concurso anterior foran 640 postos, 1.067 instancias e 7.400 peticións. O Ministerio atribuíu a este volume de traballo o adiamento da resolución, que inicialmente quería publicar en decembro.
5. Acción social de 2026
As axudas están en fase de fiscalización. O Ministerio prevé aboalas nunha nómina específica de novembro, unha vez completado ese trámite. A Administración anunciou que remitirá á parte sindical os datos de execución do plan.
6. Formación de 2026
Co plan aínda aberto, o Ministerio informou de preto de 10.000 persoas formadas e de 536.000 euros executados, segundo os datos provisionais. Tamén indicou que os plans provinciais do anexo I están practicamente executados na súa totalidade. Para 2027, a Administración quere fixar un mínimo de dous cursos por provincia, un en cada semestre. Xa remitiu á parte sindical a consulta sobre necesidades formativas e pediu propostas de cursos.
7. Rogos e preguntas
O Ministerio prevé o pagamento en decembro os 2,63 millóns de euros que corresponden ao Plan especial das oficinas de estranxeiría para colaborar na gravación de solicitudes do proceso de regularización de persoas inmigrantes. Segundo informou a Administración, o expediente de transferencia de crédito xa está en Facenda e as cantidades individuais están pregravadas.
Tamen nos informou que prevé aboar o remanente da produtividade de 2026 nunha nómina de incidencias antes de rematar decembro.