
Mesa Xeral. Campaña de Renda: un modelo retributivo inxusto e antisocial

Na mesa xeral a AEAT insistiu na mesma proposta regresiva para a Campaña de Renda 2025-2027, un incremento dos bloques retributivos desigual:
- Suba do 9,80% para coordinadores.
- Suba do 7,90% para operadores.
- Suba do 5% para o persoal de apoio
A novidade desta proposta con respecto á das pasadas semanas era simplemente dobrar o tempo para chegar a casa desde as Adminsitracións para facer quenda de tarde do Plan Le Llamamos (que pasa de 30 minutos a “como máximo 60 minutos”) e unha nova táboa retributiva para os supostos de facer horas entre as seis e as oito do serán ou o sábados pola mañá. Isto é, nunha nova volta de torca, a Dirección da AEAT pretende dar ao traste coa conciliación da vida persoal e familiar do seu persoal que fai campaña de Renda e hipotecarlles a fin de semana pagando unha hora máis a 40 euros un sábado pola mañá
Desde a CIG consideramos esta proposta inaceptábel e defendemos unha suba liñal- xa de por si regresiva, dado que entendemos que habería que subir máis nos tramos máis baixos debido á perda de poder adquisitivo do persoal público nos últimos lustros- do 10% para todos os colectivos. Non podemos permitir que a Dirección da AEAT siga afondando na desigualdade salarial, aplicando modelos antisociais e fomentando agravios entre os traballadores e menos que se aproveite da perda de poder adquisitivo das empregadas públicas para seguir a empobrecer ao seu persoal e impoñer condicións de traballo cada vez peores
Paneis de Mobilidade e golpe xudicial á AEAT
O Tribunal Supremo vén de inadmitir o recurso da AEAT sobre o Panel de Inspectores de 2023, confirmando que a Administración vulnerou a negociación colectiva. Xa advertimos no seu momento da intención de configurar dous modelos de carreira para o persoal da AEAT- inspectores e resto- e das consecuencias que isto podía traer
A AEAT insiste en buscar unha "solución", pero desde a CIG advertimos que estaremos vixiantes para que non se prexudique aos traballadores pola mala xestión da propia Dirección: para a Xustiza o panel de inspectores é un panel máis, son persoal da AEAT como calquera outro subgrupo e, polo tanto, teñen que ser tratados como todos os demais a efectos de paneis, pero tamén de carreira
Conversión de 200 prazas de fixos-discontinuos en fixos a tempo completo
A AEAT confirmou que a CPVIE do 25 de marzo negociará as bases para converter 200 prazas de fixos-discontinuos en prazas de tempo completo. Desde a CIG esiximos que este proceso garanta criterios transparentes e obxectivos, evitando discrecionalidades e asegurando que se cubran as necesidades reais do servizo.