Mesa Xeral da AEAT. Teletraballo: unha proposta insuficiente e regresiva

Martes, 25 Mar 2025
Celebrouse unha reunión da Mesa Xeral de Negociación da AEAT, na que a Administración volveu demostrar a súa falta de compromiso real coa negociación colectiva e co recoñecemento dos dereitos do persoal. Desde a CIG denunciamos que seguimos sen avances en materias fundamentais como o teletraballo, a carreira profesional, os paneis de mobilidade e a xustiza salarial

Un dos aspectos abordados era o teletraballo na AEAT. A Dirección da AEAT presentou un borrador de "adaptación" do teletraballo cargado da presunción de que o persoal da Axencia non dá pao á auga cando está teletraballando

O documento non supón ningún avance real e que mantén as restricións e arbitrariedades actuais:
  • Un máximo de dous días semanais como criterio xeral, que ademais non poden ser consecutivos,
  • Quendas rotatorias arbitrarias, deixando en mans dos superiores a distribución do teletraballo
  • Posibilidade de ter outros réximes de teletraballo segundo decidan os xefes
  • Vacacións e permisos condicionados a que non “se soliciten en días que coincidan cunha única modalidade de traballo” (a ver como se colle iso cun moscoso!)

Desde a CIG cuestionamos esa “presunción de vagancia” que a Dirección da AEAT deita sobre todo o persoal na súa proposta. Advertimos que os únicos dous documentos que coñecemos valorando o teletraballo na AEAT- a felicitación da dirección cando a pandemia e mais o informe de fiscalización do Tribunal de Cuentas, inciden no bo funcionamento do teletraballo na AEAT- e que o ton desta proposta de teletraballo vai no sentido contrario e esquece propostas de traballo a distancia que aparecían en anteriores borradores da negociación sobre dar facilidades para traballar a distancia desde zonas despoboadas. Non entendemos como non se aproveita toda a experiencia acumulada neste tema desde 2020 para ter un acordo similar ao que hai en organismos como o INE

Neste sentido, desde a CIG reiteramos as nosas propostas:
  • Un modelo de teletraballo propio da AEAT, negociado e con dereitos garantidos
  • A ampliación a tres días semanais, con posibilidade de que poidan ser consecutivos, como xa se aplica noutras administracións
  • eliminación da discrecionalidade na asignación e retirada do teletraballo
  • A equiparación de dereitos e obrigas entre traballo presencial e teletraballo- mesmo a nivel de PIA- e que non se cuestione a media hora de cortesía
  • aplicación do teletraballo a novo persoal, sen discriminacións arbitrarias
  • A creación dunha comisión de seguimento do Acordo de teletraballo que garanta a aplicación deste e do seu espírito e poña couto aos abusos de moitas persoas con responsabilidades de dirección
 
Entendemos, ademais, que é unha ferramenta que pode botar unha man tanto na conciliación (persoas maiores ou menores a cargo) como en determinadas situacións de saúde (lesións transitorias, crises de ansiedade...). Tanto á AEAT como ás persoas que traballan nela compénsalles máis traballar desde casa que ter unha persoa de baixa

Na CIG consideramos Administración debe deixar de tratar o teletraballo como un "privilexio" e recoñecelo como un dereito do persoal, garantindo un marco estable e non suxeito a antollos dos responsables de cada unidade.