Mesa Xeral: protocolo sobre a incidencia dos recoñecementos médicos obrigatorios para o persoal de Vixilancia Aduaneira
O pasado xoves tivo lugar unha reunión da mesa xeral de negociación para falar do protocolo sobre a incidencia dos recoñecementos médicos obrigatorios para o persoal de Vixilancia Aduaneira
A inteción da AEAT é resolver a incidencia dos recoñecementos que impliquen declarar non apta para o seu posto cunha nova distribución de tarefas ou, de ser extrema, iniciando un procedemento de xubilación por incapacidade, mais sen negociar a implementación da Segunda Actividade, prevista desde hai décadas mais sen desenvolver. Di que no caso de negociala, faráo ao xeito do acordado para a Policía Nacional, con merma retributiva en todo caso
Toda a parte social cuestionamos o documento aportado pola AEAT e exiximos que o refixeran. Desde a CIG insistimos no que xa dixemos cando se lanzou a idea por parte da AEAT: cremos que este protocolo busca aproveitar a “porta” da prevención de riscos para colar outro tipo de cuestións que deben ser obxecto de negociación colectiva. Porque para saber que consecuencias terá ser “non apto” para o posto segundo este protocolo, cómpre negociar a segunda actividade, coeficientes redutores, prexubilacións, etc…, ademais de ofrecer formación axeitada ao persoal e declarar profesión de risco o SVA. Só así podería coñecerse o alcance real deste protocolo
Desde a CIG mostramos a nosa preocupación por estas novas medidas que a AEAT está a implantar de forma unilateral en materia de prevención de riscos laborais e Vixilancia da Saúde do colectivo de Vixilancia Aduaneira, as cales supoñen a modificación substancial das condicións laborais e retributivas do persoal de Vixilancia Aduaneira. Entendemos que por este motivo, deberían terse negociado e tratado nunha Mesa Técnica Específica de Vixilancia Aduaneira, tal e como demandamos desde hai anos
A AEAT quedou de facer unha nova proposta para as vindeiras semanas...