NEGOCIACIÓN V CONVENIO PERSOAL LABORAL

Xoves, 25 Xun 2026

A reunión da Mesa Negociadora do V Convenio Único celebrada este 24 de xuño, volveu confirmar o que a CIG leva meses denunciando, estamos ante un proceso de pseudonegociación no que a Administración fala moito, pero non compromete nada.

Tras máis de dezaoito meses desde a constitución da mesa negociadora, seguimos sen calendario real, sen proposta económica, sen compromisos concretos e sen avances significativos nas cuestións que realmente importan ao persoal laboral da Administración Xeral do Estado.

A propia Administración recoñece que non ten información sobre a masa salarial, non sabe se haberá melloras retributivas e continúa adiando os debates fundamentais sobre salarios, carreira profesional, promoción, clasificación profesional ou recuperación do poder adquisitivo.

Mentres tanto, a negociación avanza a paso de tartaruga revisando artigos de escasa incidencia práctica, nun proceso interminable que parece máis orientado a gañar tempo que a alcanzar acordos.

Resulta especialmente rechamante escoitar agora reclamacións de negociación seria por parte dalgunhas organizacións sindicais que durante anos avalaron convenios e acordos que contribuíron á perda de poder adquisitivo, á paralización da carreira profesional e ao deterioro das condicións laborais do persoal. A proximidade dos procesos electorais sindicais parece estar provocando unha súbita preocupación por cuestións que levan anos sen defender con esta intensidade. 

Desde a CIG non imos participar nesta escenificación con complices. O persoal laboral necesita feitos, non declaracións de intencións. Necesita coñecer que recursos económicos se van destinar ao convenio, que melloras salariais se van incorporar, como se vai garantir a promoción profesional e que medidas reais se van adoptar para dignificar as condicións de traballo.

Despois de ano e medio de reunións, xa non valen máis desculpas nin máis promesas. É hora de que a Administración deixe de utilizar a negociación colectiva como unha mera formalidade e presente dunha vez propostas concretas, compromisos verificables e un calendario de traballo serio.

Porque negociar non é reunirse. Negociar é decidir. E a día de hoxe, no V Convenio Único, nin se decide nin se avanza.