O PIA 2026 CONSOLIDA A PERDA DE PODER ADQUISITIVO DO PERSOAL: A CIG NON O ASINA

Luns, 23 Mar 2026

A Dirección da AEAT sacou adiante a súa proposta inmobilista o PIA 2026 nunha reunión celebrada o pasado 19 de marzo sen a participación da CIG, ao manter a convocatoria nun día festivo en Galiza pese a ser advertida previamente. Esta decisión supón, na práctica, excluír deliberadamente á principal forza sindical na función pública galega, vulnerando o principio de boa fe que debe rexer a negociación colectiva nas administracións públicas.

A pesar disto, a Dirección da AEAT saca adiante un acordo continuista, no que non se move nin un milímetro do modelo anterior, consolidando un sistema inxusto e claramente insuficiente para o conxunto do persoal.

A suposta mellora que se presenta —a redución do incremento horario no primeiro período de 6 a 3— non é máis que un cambio cosmético que non altera o fondo do problema. As contías seguen conxeladasseguimos a perder poder adquisitivo e mantense intacto un modelo que leva anos demostrando as súas limitacións. Nun contexto de forte incremento do custo da vida e cunha recadación en máximos históricos, este acordo supón seguir empobrecendo ao persoal da AEAT.

O modelo que se consolida continúa baseado nunha parte variable discrecional, nun reparto desigual entre subgrupos e nunha falta de transparencia real que favorece agravios comparativos. Do mesmo xeito que na campaña de Renda, a Dirección da AEAT aposta por un sistema que beneficia máis a quen máis cobra e prexudica aos tramos inferiores, esquecendo unha realidade básica: sen o traballo de todo o persoal, non hai recadación.

Desde a CIG trasladamos propostas claras e razoables, orientadas a garantir un reparto máis xusto e unha mellora real das condicións económicas: incremento das contías, redución da discrecionalidade, adaptación ao teletraballo - que agora tampouco garanten e adían a negociar o acordo de teletraballo e a reunir a comisión de seguimento do PIA que nos últimos anos ao convocaron para dar conta do reparto xa feito- e melloras para todo o persoal. Ningunha destas demandas foi atendida. Unha vez máis, repítese o mesmo esquema: imposición, inmobilismo e desprezo á negociación real.

Por todo isto, a CIG non pode nin vai avalar este modelo. Entendemos que ante unha perda de poder adquisitivo acumulada do 20%, os específicos de 2007 e os módulos do PIA de 2014 están fóra da realidade, non abondan e como pouco precisan actualizarse co IPC. Mais diante da demanda de máis traballo, exixen ademais ser renegociados á alza.

Desde a CIG imos seguir defendendo un cambio real neste modelo: un incremento efectivo das retribucións, un reparto xusto da produtividade, a eliminación da discrecionalidade abusiva e condicións dignas para todo o persoal da AEAT. Porque a realidade é clara: a recadación medra grazas ao traballo de todas e todos, pero a AEAT segue sen repartir eses resultados de forma xusta.

Non imos aceptar a perda continua de poder adquisitivo nin ser cómplices dun sistema que perpetúa desigualdades. A nosa ausencia na reunión foi consecuencia dunha decisión consciente da Dirección da AEAT, pero queremos deixar claro que, mesmo de ter participado, non asinaríamos este acordo.

A Dirección da AEAT continúa así afondando na desigualdade salarialignorando a realidade económica do seu persoal e apostando por modelos que xeran conflito interno e deterioran as condicións de traballo. Exactamente igual que xa advertimos desde a CIG no acordo de Renda, créanse problemas onde non os había e consolídanse dinámicas que empobrecen ao conxunto do persoal para beneficio duns poucos. A loita é o único camiño!