PRESENTACIÓN DO NOVO MODELO DE PRODUTIVIDADE

Mércores, 22 Xul 2026

Desde a CIG solicitamos o pasado 8 de xullo información sobre a intención de MUFACE de establecer un novo modelo de produtividade, tras ter coñecemento de documentación que definía este novo modelo de “Dirección por Obxectivos”. Despois dese correo da CIG, a Dirección de MUFACE convocou esta reunión para trasladar as súas intencións e presentar o seu novo plan.

MENOS PRESENTACIÓNS E MÁIS NEGOCIACIÓN

Nada máis dar comezo a reunión, a CIG deixou ben claro que este documento debería terse negociado coas forzas sindicais antes de alcanzar o nivel de definición co que conta actualmente, xa que afecta de xeito frontal á produtividade e, polo tanto, ás retribucións do persoal de MUFACE, que son materia de negociación sindical segundo sinala o TREBEP. Polo tanto, neste primeiro acadamos o compromiso por parte da administración de que este novo plan non entrará en vigor mentres non sexa negociado coas centrais sindicais e mentres que non se emita unha resolución asinada pola dirección do organismo.

HAI QUE POÑER FIN Á ARBITRARIEDADE NO REPARTO DE PRODUTIVIDADE

O plan proposto pola Administración pretende transformar a actual Produtividade Adicional por Cumprimento de Obxectivos (PACO) por este novo sistema. Mentres que co actual sistema a maioría de compañeiras/os descoñecemos realmente cales son os obxectivos polos que percibimos esta contía, o novo plan pretende que os obxectivos sexan máis transparentes. Porén, o novo plan continúa a deixar un 30% da valoración dos obxectivos á arbitrariedade da valoración subxectiva a través de entrevistas persoais e, incluso, á avaliación entre compañeiras/os.

A CIG reclama rematar coa subxectividade na distribución da produtividade e que o novo plan conte con obxectivos transparentes e valoracións medibles e alcanzables por todas e todos.

AUMENTAR A DOTACIÓN ORZAMENTARIA

A principal cuestión que non se chegou a tratar en profundidade nesta reunión foi a dotación orzamentaria deste novo plan. Desde a CIG reclamamos o aumento considerable da partida dedicada á produtividade, que até o de agora foi evidentemente ridícula. Para nós esta é unha cuestión fundamental para que o persoal de MUFACE poida sentir, dunha vez por todas, que o seu esforzo está por fin minimamente retribuído, e que este organismo poida por fin ser atractivo para as novas incorporacións ou para que non sexa un lugar de paso cara a outros organismos con mellores retribucións.

Así mesmo, reclamamos tamén que se poida ter acceso á produtividade desde a incorporación ao organismo para que non teña que pasar até 18 meses para que o novo persoal poida cobrar esta retribución.

Quedamos á espera de ser convocados a unha vindeira reunión para seguir negociando este plan.