Que pasa cos dereitos na promoción interna ??
Dende a CIG queremos denunciar publicamente o desleixo, falta de transparencia e ineficacia da Dirección Xeral da Función Pública, que segue sen dar resposta aos escritos presentados pola nosa organización sobre un asunto que afecta de maneira directa á carreira profesional e á conciliación do persoal da Seguridade Social.
Por unha banda, a CIG xa advertiu formalmente en Outubro das consecuencias gravísimas que está a ter a interpretación restritiva aplicada nos procesos de promoción interna, en particular no acceso ao Corpo de Xestión da Seguridade Social (GASS), ao limitar de maneira discrecional o dereito á permanencia no centro de destino, obrigando ás persoas funcionarias a acudir á elección de prazas, mesmo cando proceden doutros corpos nos que non se atopaban en servizo activo.
A CIG tamén solicitara expresamente á Dirección Xeral da Función Pública que informe se existen normas, instrucións, criterios interpretativos ou directrices internas que condicionen a aplicación do artigo 78 do Real Decreto 364/1995, relativo ao dereito a continuar no mesmo centro directivo tras unha promoción interna, así como se se está a tramitar algunha modificación destes criterios.
A día de hoxe, Función Pública mantén un silencio inxustificable, negándose de feito a aclarar que criterios está a aplicar e en base a que fundamento xurídico se están a restrinxir dereitos recoñecidos ao persoal funcionario.
Por todo isto, a CIG esixe unha resposta inmediata e por escrito por parte da Dirección Xeral da Función Pública e non descarta a convocatoria de mobilizacións se continúa esta política de silencio e bloqueo diante dunha problemática que é real