Reunión co Delegado Especial

Venres, 07 Mar 2025
mantivemos una reunión co Delegado Especial da AEAT en Galiza, que asistiu acompañado da Xefa Rexional de Recursos Humanos e mais da Inspectora Coordinadora. A xuntanza é una máis das que de xeito periódico mantemos as organización sindicais co Delegado.

Desde a CIG trasladámoslle unha serie de temas que nos preocupan. En primeiro lugar, as medidas a adoptar para reducir a incidencia do radón nos edificios da AEAT. A CIG ven trasladando este tema recorrentemente a todos os foros e a todos os delegados desde a década dos 90 do pasado século. Pedímoslle que adopte medidas para situar a presenza do gas dentro do umbral máximo que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), 100 becquerelios, en lugar de dar por bos os 300 que establece a actual normativa española.

Neste sentido, apelamos á responsabilidade da Delegación Especial neste tema- recoñecendo que tampouco é o mesmo adoptar medidas arquitectónicas e técnicas nun edificio como o de Santiago, de nova planta, nun como o da Coruña, con varias ampliacións, ou nun pazo medieval como o de Betanzos, e saudando o resultado dos protocolos de ventilación na redución da presenza do gas- e insistimos na necesidade de enfrontar o tema con premura, mais sen alarmismo, con rigorosidade como ven facendo a CIG en todos estes anos.

Por outra banda, trasladámoslle o malestar do persoal da Administración de A Coruña no tocante aos cambios realizados na implantación do modelo de información e asistencia, cunha xestión que ten enrarecido o ambiente de traballo. Insistímoslle, como fixemos no escrito remitido ao Administrador no seu momento, na necesidade de negociar estas cuestións e mais na imprescindíbel formación e retribución do persoal de atención ao público. Na CIG entendemos que este persoal, cara fóra, non é só a Administración da Coruña, senón o persoal que atende ao público na Delegación Especial e a carta de presentación da AEAT cara os contribuíntes. Valoramos que se fose recollendo cabo desde as pretensións iniciais que se formularon coa implantación do modelo mais entendemos que aínda resta moito por facer para que sexa asumíbel o cambio e se restaure o clima de traballo

Nesta mesma liña, demandamos que clarifique o relativo á compatibilización dos días de teletraballo co uso dos días de asuntos propios e na necesidade de facer unha lectura flexíbel disto, á espera de que a Dirección da AEAT comece a negociar o marco do teletraballo. Asegurou que de ser puntualmente, non haberá problema porque co teletraballo martes e xoves é imposíbel que non coincidan

Outro dos temas que trasladamos desde a CIG é a necesidade de dotar de persoal ás oficinas nas cabeceiras comarcais para garantir o servizo público de calidade, co exemplo do acontecido no último panel coa Administración de Ribeira. Neste sentido, explicámoslle que coa rexionalización de Xestión mesmo poden aproveitarse as oficinas baleiras para repatriar funcionariado galego e que preste servizo nas distintas dependencias desde Administracións máis próximas ao seu domicilio, posto que os edificios e o mantemento xa os asume a AEAT. Explicounos que ao estar rexionalizada Xestión, nos paneis pode distribuírse o persoal a criterio da Delegación Especial, o que entendemos que facilita esta cuestión. Ademais, asegurou que se alguén non está conforme coas tarefas asignadas na rexionalización, cara fin de ano poderá optar a mudar

Finalmente, no tocante ás Bases do SVA insistimos novamente na imperiosa necesidade de cambiar os barcos de Ribadeo e Muros e de non dar por bo que se radiquen aquí os barcos que dean de baixa noutras bases españolas. Do mesmo xeito, trasladámoslle a necesidade de que, na medida do posíbel, é bo que a carón dos barcos todas as bases conten con instalacións para almacén, vestiarios...