Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI)

Xoves, 26 Xun 2025
No día de onte celebrouse unha nova reunión do Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI) da Axencia Tributaria. Desde a CIG acudimos para trasladar as inquedanzas do noso país fronte a unha xestión centralizada e allea á realidade galega.

Un dos aspectos que máis preocupa é a evidente precariedade do Servizo de Prevención Propio da AEAT, con só 11 persoas para cubrir máis de 330 centros. Un número totalmente insuficiente para garantir unha prevención real e eficaz, sobre todo nun contexto no que os riscos laborais son cada vez máis complexos. Denunciamos esta situación e solicitamos o reforzo de medios humanos e materiais, cunha distribución territorial que teña en conta a realidade galega.

Tamén se informou de 7 casos de acoso laboral durante o 2024. A pesar de non ser unha cifra excesiva, é indicativa de que existen dinámicas nocivas nos espazos de traballo, vinculadas a estilos de mando autoritariosa presión constante e a falta de atención aos riscos psicosociais. Ademais, sabemos que houbo casos que foron denegados, polo que o número real pode ser maior. Este tipo de situacións deterioran o ambiente laboral e poden afectar a unidades enteiras. A saúde mental e emocional tamén é saúde laboral, e debe ser atendida coa mesma seriedade ca calquera outro risco.

En canto ao equipamento de protección individual (EPI) para o persoal de mantemento, a proposta presentada parece axeitada como relación mínima. Desde a CIG advertimos que esta lista debe entenderse como un punto de partida, e non como un límite pechado. Calquera necesidade que se detecte no posto debe ser atendida sen demora, sen escusas e con plenas garantías.

Por outra banda, abordouse o borrador do plan de actuación ante situacións de forza maior e fenómenos climatolóxicos adversos. Se ben o texto parece razoable sobre o papel, aínda que un pouco confuso e pouco concreto nalgúns puntos do mesmo, desde a CIG advertimos sobre os problemas que pode implicar a súa aplicación práctica. Puxemos como exemplo un temporal con alerta laranxa en A Coruña: non ten o mesmo impacto nun edificio situado no centro urbano, preto do mar, que nas estradas de acceso pola que se despraza o persoal desde localidades como Santiago ou Ferrol. O criterio da AEMET pode ser obxectivo, mais a percepción e os efectos reais varían moito segundo o territorio. As decisións adoptadas desde a Delegación Especial poden non reflectir esta realidade, e obrigar ao persoal a asumir riscos innecesarios para manter servizos que non son esenciais.

Por iso, insistimos en que, en situacións deste tipo, debe priorizarse o traballo a distancia e suspenderse todo aquilo que non sexa estritamente imprescindíbel. O verdadeiro debate está en como e quen decide quen é esencial. Consideramos que esta decisión debe facerse con criterio claro, transparente e, sobre todo, cunha perspectiva de protección da saúde e seguridade do persoal. O feito de que unha persoa viva lonxe ou dependa de medios de transporte afectados por un temporal debe ser suficiente para excluíla de servizos mínimos sen máis trámites.

Desde a CIG deixamos claro que a prevención non pode ser unha formalidade nin unha declaración benintencionada: debe ser unha práctica real, con recursos, con decisións que teñan en conta a realidade do territorio e con compromiso coa saúde da clase traballadora.