Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Intercentros (CSSI)
Celebrouse a reunión ordinaria do segundo trimestre do CSSI da Axencia Tributaria. Informámosvos dos principais asuntos tratados.
Riscos psicosociais: negociación estancada como resposta a todo
Riscos psicosociais: negociación estancada como resposta a todo
O punto central foi o seguimento das medidas acordadas polo Grupo de Traballo do CSSI tras a avaliación psicosocial de 2024. O documento presentado pola AEAT revela un patrón claro: case todo está en "negociación en curso", e esas negociacións están bloqueadas.
A negociación do Acordo de Carreira para o persoal funcionario leva anos aberta sen ningún avance real en retribucións, carreira horizontal, itinerarios formativos ou avaliación do desempeño. O Acordo de Teletraballo está parado porque a Dirección da Axencia Tributaria non accede a moverse nada da súa proposta, bloqueando catro medidas psicosociais de pleno. O Protocolo de Conflitos Internos nin sequera ten borrador. E o servizo de apoio psicolóxico acordado hai máis dun ano non ten ningunha actuación asociada: nin executado, nin en negociación, nin en proceso. Tamén hai que comentar neste apartado que a negociación das produtividades nunca se deu, e é algo que afecta a todo o persoal da Axencia, como se reparte e que sexa dun xeito proporcional e coñecido por todas.
Desde a CIG fixemos constar que esta dinámica de negociación permanente sen resultado é, en si mesma, un factor de risco psicosocial. Respecto ao Protocolo de Desconexión Dixital, esiximos que o CSSI sexa consultado antes da súa aprobación definitiva, xa que o que nos propoñen é un borrador con moito traballo por diante, e no que esiximos que se deixe reflexado que todos os xefes e xefas están obrigados a cumprilo.
Teletraballo: boa participación, pero queda traballo
A AEAT presentou os resultados da avaliación de riscos nos postos de teletraballo cun 90% de participación. Esiximos que se dote ao persoal do material obrigatorio -teclado e rato externos e atril- e que se dea unha segunda oportunidade a cubrir a avaliación de riscos a todo o persoal que non o fixera en setembro.
Estrés térmico
Trasladamos á Administración as condicións de temperatura inadecuadas que sofre o persoal en varias delegacións e administracións, mencionando expresamente a Delegación de Ourense e a Aduana de Vigo, entre outras. Esiximos avaliacións urxentes e medidas correctoras efectivas.
Desde a CIG seguiremos traballando para que a saúde laboral na AEAT non quede en papel mollado. Se tes calquera dúbida, ponte en contacto connosco.