Reunións Comisión Paritaria e Negociadora AGE
Comisión Paritaria
Negociación de expedientes a solicitude polos Ministerios
Tratáronse diversos expedientes instados polos diferentes Departamentos Ministeriais e tratados previamente nas Subcomisións Paritarias correspondentes.
Aprobáronse dous expedientes de conversión de masa salarial de horas extraordinarias ao complemento de produtividade. Un do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), dependente do Ministerio de Transportes; e outro expediente de MUFACE, dependente de Función Pública.
Aprobouse a asignación dun complemento de Responsabilidade e Cualificación Técnica (RCT) para un posto de mantemento de encoros da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
Aprobouse un expediente do Ministerio de Defensa de modificación dos complementos singulares de posto E6 para o E1 da Mestranza Aérea de Sevilla e outros complementos horarios por traballo a quendas.
Aprobouse un expediente de asignación de complementos RCT a postos ocupados de Protección Civil dos Servizos Periféricos, dependente do Ministerio de Política Territorial, que a CIG non apoiou por financiarse con amortización de postos do IV CUAXE.
Aprobouse parcialmente outro expediente do Ministerio de Traballo de asignación de complementos RCT e E4, pero denegouse a asignación de complementos horarios ao persoal do FOGASA. A CIG votou desfavorábel ao expediente por financiarse os complementos con amortización de postos do IV CUAXE, se ben entendía ben motivada a proposta do Ministerio.
Non se aprobou un expediente do Ministerio do Interior no que se propoñía suprimir un complemento A2 dun posto ocupado e asignarlle un complemento de Mando e Xefatura dun posto que ficara vacante por unha xubilación na mesma unidade de traballo. A CIG mostrou o seu desacordo coa proposta de supresión do complemento A2 a un posto ocupado e que o posto vacante co complemento MX debería ofertarse en Concurso antes de suprimirlle directamente o complemento.
Concurso Aberto e Permanente
A Administración ofreceu información sobre a finalzación das fases do Concurso dos Anexos I e II:
CAP 2-2026 Anexo I: 9 de outubro publicouse a adxudicación definitiva. O balance desta fase foi de 919 postos ofertados, o persoal realizou 734 solicitudes, das que 616 permaneceron activas, adxudicándose finalmente 313 postos.
CAP 3-2026 Anexo I: a Administración publicou o 26 de outubro un listado de 915 postos. O prazo para realizar as solicitudes a través do portal Funciona é do 27 de outubro ao 6 de novembro, ambos incluídos.
CAP 1-2026 Anexo II: 13 de outubro publicouse a adxudicación definitiva. O balance desta fase foi de 409 postos ofertados, o persoal realizou 79 solicitudes, das que 75 permaneceron activas, adxudicándose finalmente 42 postos.
CAP 2-2026 Anexo II: informan de que están a recibir as propostas de postos dos Ministerios e póñense como obxectivo publicar esta nova fase no mes de novembro.
A CIG aproveitamos neste punto para facer un chamamento aos diferentes responsábeis dos Departamentos ministeriais para que identifiquen aqueles postos que enviaran polo menos en dúas ocasións ao Concurso Aberto e Permanente e que posteriormente non se cubriran, para que os removan e oferten outros e dar maiores posibilidades a outros postos que si podan ser máis atractivos para o persoal.
Cambio de Réxime Xurídico
CIG solicitou unha vez máis a axilización destes procesos de funcionarización voluntaria do persoal laboral do IV CUAXE.
Información seguemento das OEP
A Administración proporcionou un informe cos resultados das OEP do período 2018 a 2025.
Os datos máis salientábeis deste informe:
Das 12101 prazas ofertadas por acceso libre, 6150 fóron cubertas, 2100 desertas e 3851 en proceso.
Porén, o dato máis revelador é a baixa cobertura das prazas ofertadas por promoción interna: 264 cubertas e 4675 sen adxudicar, das 7684 ofertadas, e das que 2745 aínda están en proceso.
Información sobre masa salarial 2026
Función Pública informou que xa iniciou a solicitude a Facenda para actualización das táboas salariais de complementos co aumento do 1.5% correspondente à suba salarial do presente ano para o persoal público.
Esta solicitude vai sen o 0.5% pendente até coñecer o IPC de final de ano, posto que este aspecto é de aplicación no primeiro trimestre de 2027, segundo o establecido no nefasto acordo de perda salarial 2025-2028 de UGT-CSIF-CCOO coa Administración.
Por outra banda, a Administración dá a coñecer que está a revisar a masa salarial correspondente a complementos a suprimir de postos que aínda fican do anterior Convenio Único.
COMISIÓN NEGOCIADORA DO IV CUAXE
Se ben as reunións deste organismo sempre se caracterizan como un mero trámite formal no que confirmar a posición das organizacións sindicais e a Administración ante a tramitación dos expedientes de asignación ou modificación de complementos salariais, desta vez asistimos de maneira sorprendente a unha escenificación, -feita coa connivencia da maioría sindical coa Administración-, para ofrecer unha xustificación conxunta da parálise da negociación do V Convenio.
Na reunión do mes anterior a Administración advertira que “non existe perspectiva de compromiso de aumento de masa salarial para o V Convenio” ante a petición unánime do conxunto da parte social dun aumento retributivo para o conxunto do persoal do Convenio Único co obxectivo de recuperar e mellorar o seu poder adquisitivo ante o imparábel aumento do custo da vida.
Nesa reunión a maioría sindical dáballe de ultimato à Administración até finais de outubro para confirmar o compromiso orzamentario necesario para levar adiante esta mellora salarial.
Mais como consecuencia da incertidume política provocada polo adianto eleitoral, da CIG constatamos unha mudanza de estratexia por parte de quen tivo a iniciativa de denunciar o actual Convenio, pasando a demandar “un desenrolo das potencialidades do actual Convenio”, revelando unha renuncia a presionar cara a un novo convenio que mellore claramente o anterior.
Ante este xiro por parte da maioría sindical de deixar de apostar por profundizar na demanda dun novo Convenio, a CIG manifestamos que non consideramos os Convenios como un fin en si mesmo, senón como un instrumento para acadar melloras de dereitos do persoal.
Neste sentido, aclaramos que a nosa prioridade máis urxente é demandar à Administración un compromiso claro e decidido de apoio orzamentario coa que poder levar adiante unha mellora retributiva que consideramos inaprazábel para cada un dos grupos profesionais do Convenio Único.
De CIG levamos meses propoñendo que isto se pode facer mediante Acordos de mellora salarial entre Administración e parte social dentro do actual IV CUAXE, nomeadamente como a proposta do aumento do complemento singular de posto do Ministerio de Defensa E6, que podería ser extensíbel a outros Ministerios, desenvolvendo o actual acordo do sistema complementario.
Aproveitando esta reunión voltamos a presentar a proposta de mellora do complemento E6 e demandamos unha resposta concreta na mesma reunión ao conxunto da Comisión Negociadora, seguindo precisamente a liña que expuxo a maioría sindical. Mais, novamente, a maioría sindical optou polo silencio, non posicionándose, e a Administración pasou do “non” a un “polo momento, non”.
CIG está plenamente convencida que o camiño da loita pola recuperación e a mellora salarial do colectivo do persoal laboral da AXE é a principal prioridade actual, sexa no IV ou no V CUAXE. E nese camiño continuaremos a traballar.