Segunda reunión do Conflito: CIG, SIAT, UGT, CSIF e CCOO Convocan unha concentración o día 8 de maio ante a Dirección Xeral da AEAT

Xoves, 18 Abr 2024

O 17 de abril de 2024 reuniuse a mesa de negociación do conflito declarado o 4 de abril polas organizacións sindicais SIAT, UXT, CSIF, CCOO e CIG, na que a AEAT presentou unha proposta de borrador de acordo para a resolución do conflito. Devandito documento non cumpre coas garantías suficientes para resolver o conflito, motivo polo cal foi rexeitado por tódalas organizacións sindicais.


O documento achegado pola administración é unha mera declaración de intencións carente de soporte económico nin das autorizacións necesarias, que no caso de que a AEAT non as consiga, impediría: a reactivación do acordo de carreira de 2007, un novo Convenio Colectivo con carreira profesional do persoal laboral da AEAT, un modelo de teletraballo propio, as condicións de todo o persoal destinado ao novo modelo de información e asistencia ao contribuínte, unha repartición proporcional das produtividades, a negociación de tódolos horarios especiais da AEAT e a declaración como profesión de risco de Vixilancia Aduaneira.
Estas propostas están lonxe de compracer as lexítimas reivindicacións que a parte social demandou á AEAT en representación dos empregados públicos, polo que o conflito continúa, dando paso a un calendario de mobilizacións anunciadas na declaración de conflito.
A primeira mobilización realizarase o mércores 8 de maio, de 12 a 14 horas, e consistirá nunha concentración de delegados sindicais e de empregados públicos da AEAT fronte ao edificio da Dirección Xeral da AEAT, coa presenza dos medios de comunicación.
Posteriormente, previmos outra serie de mobilizacións en determinados territorios ata ir ampliando as mesmas a todo o territorio español, sen descartar que finalmente se convoque unha folga en plena campaña de renda.
Ademais, este xoves 18 de abril, as organizacións sindicais declarantes do conflito remitimos notas de prensa, coa finalidade de que os medios de comunicación difundan os incumprimentos por parte da AEAT dos acordos asinados e dos compromisos pactados coa parte social, así como a negativa da Administración de resolver a infinidade de problemas existentes no persoal de traballadores causados pola inoperancia da Dirección da AEAT.
Nos vindeiros días os sindicatos asinantes do conflito rexistraremos no Congreso dos Deputados un escrito dirixido á Vicepresidencia primeira do Goberno e Ministra de Facenda, do cal daremos traslado aos grupos parlamentarios, expoñendo as lexítimas reivindicacións do persoal da AEAT, a incapacidade da actual Dirección da Axencia Tributaria en materia de recursos humanos e o actual bloqueo da negociación colectiva que impiden unha verdadeira Axencia Tributaria para o século XXI.
As empregadas e empregados públicos da AEAT veñen padecendo dende 2010 perdas de poder adquisitivo debido ao bloqueo lexislativo en materia orzamentaria. Como consecuencia diso, na AEAT hai miles de traballadores que non poden permitirse pagar o alugueiro dunha vivenda ou vense obrigados a compartires un cuarto mentres a Dirección da AEAT segue mantendo privilexios aos Delegados territoriais e ás súas familias, reservándolles, a cargo do erario público, amplas vivendas nos centros das cidades coas súas correspondentes prazas de garaxe.
Concretamente, esta parálise en materia de negociación impide:
·        A reactivación da carreira profesional e administrativa de 2007 paralizada dende a súa última reclasificación extraordinaria en 2018-2019, incluídas cuestións de mobilidade xeográfica.
·        A negociación do V Convenio Colectivo do persoal laboral da AEAT, denunciado dende hai un ano e medio. A AEAT aínda non solicitou as autorizacións necesarias para poder negocialo. A AEAT négase a desenvolver a carreira profesional do persoal laboral e a recoñecer a antigüidade do persoal fixo descontinuo por todo o tempo da relación contractual (ano natural), a efectos económicos e de promoción, inaplicando os criterios que estableceu o Tribunal Supremo en diferentes sentenzas.
·        Os traballadores da AEAT están a sufrir o caos organizativo no seu día a día, padecendo un teletraballo sen dereitos e precario; improvisando e impoñendo un sistema de información e asistencia absolutamente discrecional, sen querer negociar as retribucións fixas e horarios dos postos de traballo asignados.
·        A AEAT négase a negociar as condicións de tódolos horarios especiais, incluídos os H24 e H10, en centros de traballo de Asistencia Dixital Integral (ADIs), aeroportos, Vixilancia Aduaneira ou persoal informático.
·        Faleceron varios compañeiros de Vixilancia Aduaneira en acto de servizo sen que a AEAT fixese nada para dotar de maiores medios materiais, humanos e económicos para que o devandito colectivo sexa recoñecido como profesión de risco.
·        A fenda salarial existente na AEAT, pola inacción do actual equipo de Dirección na reactivación do Acordo de Carreira, a falta de negociación dun novo Convenio Colectivo e de todas as produtividades é escandalosa, inxusta e insufríbel.
Ante esta caótica xestión dos recursos humanos da AEAT, máis propia dunha administración decimonónica que dunha Administración para o século XXI, as organizacións sindicais dixemos ATA AQUÍ!
Imos denunciar ante a opinión pública os continuos abusos dunha Dirección da AEAT que só se preocupa por mellorar as condicións de traballo duns poucos, negando as melloras laborais e retributivas que son de xustiza á gran maioría de todos os empregados públicos da Axencia Tributaria dende a crise de 2008.
SIAT, UXT, CSIF, CCOO e CIG exiximos unhas condicións de traballo dignas e unhas retribucións proporcionais e progresivas para tódolas traballadoras e traballadores, acordes coa realidade do custo da vida en 2024 e propias dunha sociedade avanzada do século XXI.
ATA AQUÍ CHEGAMOS!
É O MOMENTO DE QUE @S TRABALLADOR@S DA AEAT SE MOBILICEN PARA RECLAMAR O QUE DE XUSTIZA LLES PERTENCE!