Sen acordo para o calendario regresivo que pretende impor a Dirección da AEAT

Xoves, 14 Mai 2026

Ven de celebrarse mesa xeral para negociar o calendario laboral e o marco do traballo a distancia que a Dirección da AEAT pretende impoñer aproveitando a instauración da xornada de 35 h na Administración Xeral do Estado (AXE)

Desde a CIG insistimos no rexeitamento á proposta presentada pola Dirección da AEAT dado que se suprimen moitos dos dereitos que levan décadas instaurados (incentivo de presenza efectiva, malosos, etc)A única mellora proposta pola Dirección da AEAT con respecto á pasada semana era poder facer a parte do horario que supera a de presenza obrigatoria a distancia desde a casa (1h de teletraballo 3 días á semana logo de ter ido pola oficina ou antes de ir ás 8:30H!)

Advertimos que implantar ese horario obrigatorio que defende a Dirección da AEAT supón demandar máis tempo de traballo, máis traballo efectivo a cambio das mesmas retribucións. Unhas retribucións sen actualizar nos complementos desde 2003 (Acordo de Carreira) que non son suficientes para a carestía da vida. Pero sobre as que a Dirección da AEAT se resiste a avanzar

Advertimos que o feito de que haxa persoal da AEAT que non está obrigado a presentar Renda debería facer pensar á Dirección sobre a verdadeira situación do persoal da Axencia. Que o feito de que os funcionarios teñan que compartir piso no primeiro destino e posteriormente só responde a que os salarios non dan para vivir. E que esta situación de pobreza do persoal da AEAT non se resolve con eses extras (produtividades, PIA, campaña de renda, modelo de información e asistencia...) que a Dirección da AEAT se nega a meter nos salarios- pola vía de incrementar os complementos- porque prefire seguir distribuíndoos graciabelmente. E que resulta indefendíbel exixir aínda máis horario e máis traballo sen retribuír dignamente os servizos do persoal!

Na CIG consideramos que o persoal da AEAT non é nin máis nin menos cá ningún outro persoal da Administración Xeral do Estado. Así que non imos pasar por ser menos en ningún aspecto: se o horario é de 9 a 14, pois ese horario; se hai Ministerios que admiten até 3 días de teletraballo, pois o mesmo. E se a Dirección da AEAT pretende outra cousa, cando menos que comece xa a corrixir o feito de termos, a día de hoxe, para a maioría do persoal complementos específicos inferiores aos da AXE

Porque o traballo hai que retribuílo, con cartos e coas condicións laborais (horario, calendario, etc). Mais o principal é retribuír dignamente o traballo desenvolvido. Tres horas máis de teletraballo non pagan a hipoteca nin enchen o carro da compra!

E a todo isto, a Dirección da AEAT evitou, novamente, responder que vai acontecer co persoal que estea a facer o horario obrigatorio que marcou a Resolución publicada no BOE- única norma publicada ao respecto dado que a Directora de RRHH di agora que a nota anónima publicada polo Departamento é como a folla informativa de calquera sindicato.....

O rexeitamento da parte social foi unánime. A Dirección da AEAT dixo que ía ver que facer agora. A CIG exixiu que se non teñen capacidade ou autoridade para negociar e poder chegar a acordos, que sente a negociar quen mande realmente na AEAT.