Serie: A informática tributaria e o persoal da Axencia

Venres, 29 Mai 2026

O Código Ético
En outubro de 2023, a Presidencia da AEAT aprobou o Código Ético para a Contratación Pública da Axencia. É un documento público, asinado polo entón Presidente Jesús Gascón Catalán, que recolle os principios e regras de conduta que deben rexer os procesos de contratación da Axencia. A propia AEAT presentouno como unha garantía de transparencia, boa xestión e integridade.

Nós lemos ese Código con atención. E ao facelo, identificamos polo menos tres puntos que, á luz do que reflicte a programación contractual 2023-2026, merecen reflexión.

punto 3.1 do Código establece que o persoal da Axencia "planificará e programará adecuadamente as necesidades que vaian ser obxecto de contratación". Ao analizar a programación contractual, observamos unha planificación detallada e sistemática da contratación externa en materia informática. O que non observamos, en ningún dos catro exercicios analizados, é unha planificación equivalente para reforzar os medios propios: case non hai paneis de mobilidade convocados para os corpos informáticos, non hai un plan de formación interna para absorber funcións externalizadas, non hai unha estratexia de internalización progresiva. Dende a nosa perspectiva, planificar a externalización sen planificar a alternativa pública non parece unha planificación completa das necesidades reais da Axencia.

punto 3.2 establece que se debe "avaliar que os contratos a celebrar obedecen a necesidades reais da Axencia Tributaria". Non temos acceso aos expedientes internos nin á documentación que poida xustificar cada decisión contractual. Pero si podemos preguntar, como calquera cidadán ou cidadá podería preguntar: está documentada e é accesible publicamente a avaliación que xustifica a entrega da operación dos Centros de Proceso de Datos a unha empresa privada durante catro anos? Nós non a atopamos.

punto 2.2 establece que as prescricións técnicas dos contratos non deben ter "por efecto a creación de obstáculos inxustificados á apertura da contratación pública á competencia". Sen embargo, nos contratos identificados aparecen referencias explícitas a produtos de fabricantes concretos: Oracle Exadata, Google Maps Platform, Elasticsearch. Non afirmamos que iso supoña necesariamente un incumprimento do Código: pode haber xustificacións técnicas que descoñecemos. Pero si nos parece un aspecto que merece explicación pública.

Repetimos o que dixemos desde o principio: non acusamos a ninguén de nada. Simplemente sinalamos, a partir de documentos públicos, que hai unha distancia entre os compromisos recollidos no Código Ético e o que os datos da programación contractual permiten observar. E consideramos que esa distancia merece debate e explicación.

Na nota de peche recollemos o que a CIG esixe e como podes participar. Ligazón á anterior nota da serie.

A loita é o único camiño!