Serie: A informática tributaria e o persoal da Axencia

Luns, 08 Xun 2026

Ao longo desta serie de notas analizamos, a partir de documentos públicos, a evolución da contratación informática da AEAT entre 2023 e 2026. Máis de 472 millóns de euros en contratos externos. Funcións nucleares da Axencia (operación dos CPDs, seguridade da infraestrutura, atención á cidadanía, investigación da fraude) en mans de empresas privadas con contratos de ata seis anos de duración. E, en paralelo, Delegacións Especiais que non chegan ao persoal mínimo necesario para funcionar, corpos informáticos sen paneis de mobilidade e ningún plan visible para recuperar as capacidades técnicas propias.

Antes de pasar ás esixencias, unha boa nova: o pasado 1 de xuño, o deputado do BNG Néstor Rego rexistrou no Congreso dos Deputados, as iniciativas da CIG reclamando as mesmas ao Goberno: a reversión da externalización informática da AEAT, a convocatoria de paneis de mobilidade para os corpos informáticos e a cobertura das vacantes nas Delegacións galegas. É o resultado directo do traballo que iniciamos con esta serie de notas, e é un paso na dirección correcta.

Pero o traballo non remata aquí. Esiximos:

1.        Convocatoria inmediata de paneis de mobilidade para todos os corpos informáticos da AEAT, e con carácter de urxencia para o Corpo de Técnicos Auxiliares de Informática (TAI). Non pode seguir habendo persoal funcionario sen acceso a postos acordes coas súas capacidades mentres esas funcións se cobren con contratos externos.

2.        Cobertura efectiva e inmediata das prazas vacantes no departamento de informática en todas as Delegacións Especiais, con foco prioritario na DE Galiza. Non pedimos reforzos extraordinarios: pedimos o mínimo necesario para que o servizo público funcione con dignidade.

3.        Reforzo de todos os corpos da AEAT (Xestión, Recadación, Inspección, Aduanas, Informática) mediante ofertas de emprego público suficientes para cubrir as necesidades reais da Axencia.

4.        Un plan de internalización progresiva dos servizos informáticos actualmente externalizados, con calendario, obxectivos verificables e participación sindical no seu seguimento.

5.        Auditoría pública dos contratos tecnolóxicos vixentes: que funcións cobren, en que condicións, e que mecanismos de control público existen sobre o acceso á información tributaria da cidadanía.

6.        Limitación da duración máxima dos contratos de servizos para garantir a reversibilidade e evitar dependencias estruturais de longo prazo con provedores privados.

7.        Cumprimento efectivo do Código Ético para a Contratación Pública que a propia AEAT aprobou en outubro de 2023.

8.        Que estas cuestións se traten nunha Mesa de negociación.

E o que podes facer ti:

Se es persoal da AEAT e compartes estas preocupacións, fálao cos teus compañeiros e compañeiras. Pregunta. Contrasta os datos. Consulta os documentos orixinais, que son públicos. E se queres participar ou trasladarnos a túa visión dende o teu posto de traballo, contacta coa sección sindical da CIG na AEAT. A túa experiencia diaria é a mellor fonte de información sobre o que está pasando realmente nas Delegacións e nas Administracións da Axencia.

O servizo público non se defende só dende os despachos. Deféndese cada día, en cada posto de traballo, por cada persoa que decide non mirar para outro lado. A loita é o único camiño!