A Administración pretende recortar as axudas de Acción Social para o persoal con menos ingresos

Xoves, 27 Feb 2025
Na reunión da Mesa de Acción Social celebrada onte, a Administración presentou unha proposta que supostamente recollería as achegas das organizacións sindicais. Porén, o resultado foi unha proposta regresiva que prexudica, unha vez máis, aos traballadores con menores ingresos.

Desde a CIG consideramos inaceptable que a Administración pretenda rebaixar as axudas sociais dos tramos máis baixos de ingresos para beneficiar aos tramos superiores, rompendo completamente co principio de equidade que debería rexer un Plan de Acción Social. Non só se conxela o orzamento total en 2.402.420 €, senón que se propoñen recortes en partidas fundamentais como saúde, dependencia e educación, mentres se incrementa a partida de Promoción do Persoal, especialmente para os grupos A1 e A2.

Unha proposta inxusta e regresiva
A nova proposta da AEAT contempla:
  • Recortar 70€ na axuda aos traballadores con ingresos máis baixos (tramo I), mentres que para os tramos superiores a redución sería só de 20€.
  • Conxelar as axudas de Promoción do Persoal para os grupos C1 e C2, mentres que se incrementan as dos A1 e A2.
  • Reducir as axudas de saúde, dependencia e desenvolvemento educativo para compensar os incrementos noutras partidas.
A filosofía dun Plan de Acción Social é garantir o apoio aos traballadores con máis necesidades, pero a AEAT aposta polo contrario: desviar fondos das axudas sociais a conceptos que non teñen en conta a renda familiar, deixando desprotexidos aos traballadores con salarios máis baixos.

A nosa postura: Non a outro plan regresivo!
Desde a CIG reclamamos:
  • Aumento do orzamento mínimo ata 2.900.000 €, para compensar os déficits dos últimos anos.
  • Que abran a Academia da AEAT para todos, liberando fondos de Acción Social para outras partidas prioritarias.
  • Que as axudas de xubilación, falecemento e formación sexan financiadas con orzamento propio da AEAT e non con cargo a Acción Social.
  • Que se reverta calquera recorte nas axudas dirixidas ás familias con menores ingresos.

A Administración convocou unha nova reunión para o día 5 de marzo, pero desde a CIG deixamos claro que non aceptaremos un Plan de Acción Social que recorte axudas aos traballadores máis vulnerables para beneficiar aos que máis cobran.