A AESIA REXEITA (MÁIS UNHA VEZ) POÑER PRAZOS Á NEGOCIACIÓN DO CALENDARIO LABORAL
Desde a primeira reunión en setembro de 2025 do Grupo de Traballo da AESIA, órgano delegado da Mesa de Negociación do MTDFP no que se tratan e acordan os asuntos relativos á negociación colectiva na AESIA, a CIG vén reclamando a negociación dun calendario laboral propio para este organismo, que atenda ás especificidades do labor das súas traballadoras e traballadores.
Nesa primeira reunión, a CIG logrou un acordo para impulsar a negociación dun calendario laboral propio para a AESIA. Desde entón, a Administración non fixo máis que procurar excusas e argumentos para adiar o cumprimento do acordo. En primeiro lugar, dicindo que se trata dunha cuestión a negociar a “medio prazo” (sen definir que entenden por “medio prazo”), e duns meses a esta parte empregando como excusa a inminente publicación dunha nova Resolución de xornada e horarios, que xa foi publicada o pasado 15 de abril.
O mesmo día 16 de abril, data de entrada en vigor da nova resolución, solicitamos reunión urxente do Grupo de Traballo para negociar as condicións nas que se aplicaría esta nova normativa nun calendario propio que atenda ás necesidades e particularidades do persoal da AESIA (horarios de apertura, horarios de obrigada presencialidade, posibilidades para flexibilizar e completar a xornada, xornadas de especial dedicación…). Unha vez máis, a resposta da Administración é negar a maior e rexeitar a negociación dun calendario laboral, limitándose a responder que “A AESIA non dispón na actualidade dun calendario laboral propio, polo que é de aplicación directa a Resolución de xornada e horarios aprobada pola Secretaría de Estado de Función Pública”.
Cómpre lembrar que actualmente a propia AESIA está a incumprir esta nova resolución (ao igual que a anterior) ao non permitir o dereito a comezar a xornada flexible a partir das 7:00 horas, por non poder as traballadoras/es acceder ao seu centro de traballo a esa hora. Se tes calquera dúbida ou cuestión relacionada coa aplicación da Resolución de xornada e horarios, ou calquera proposta para a negociación do calendario laboral da AESIA, non deixes de poñerte en contacto con nós.