A "ALIANZA POR UN RURAL GALEGO VIVO" SOLICITA ANULAR A DECISIÓN DE AFASTAR A MAXISTRADOS/AS DA SECCIÓN 3 DA SALA DO CONTENCIOSO DO TSXG

Mércores, 08 Abr 2026

A "Alianza por un Rural Galego Vivo", conformada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), e a Federación Rural Galega (FRUGA), vén de requirir á presidencia do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que adopte as medidas que en dereito procedan para instar ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a anular o traslado de maxistrados e maxistradas da Sección Terceira da Sala do Contencios-Administrativo por entender que se vulneran os dereitos das entidades recorrentes que defenden dereitos colectivos e que teñen litixios en curso en dita Sección.

Ademais, solicitan do órgano de goberno do Poder Xudicial que vixíe o proceder do TSXG no relativo ao recente cambio do reparto de competencias da Sección Segunda, na que agora están recaendo os procedementos xudiciais relativos ás liñas de evacuación eléctrica, que antes se asignaban á Sección Terceira.

Así mesmo, as entidades que conforman a Alianza Rural manifestaron diante do CXPX a súa profunda preocupación polos posíbeis efectos de indefensión que esta sorpresiva e radical modificación da composición da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo pode exercer sobre os intereses colectivos que as entidades sociais representan, tendo en conta que a maioría das causas recorridas por estas, nomeadamente impugnacións contra autorizacións de polígonos eólicos, recaeron nesa Sección Terceira.

Para máis información preme na ligazón:

https://www.cig.gal/nova/reclaman-ao-consello-xeral-do-poder-xudicial-que-inste-ao-tsxg-a-anular-o-traslado-de-xuices-e-xuizas-do-contencioso-por-vulnera.html