A Área Pública da CIG considera unha promesa baleira o anuncio do Goberno de negociar e chama á mobilización para acadar un acordo salarial digno
A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Saúde e CIG-Ensino) entende que non hai nada que celebrar na ‘intención’ do Goberno español de sentar negociar un novo acordo retributivo para o persoal empregado público.
Critica que as direccións de CCOO, UGT e CSIF se apresuren a vender como un éxito sindical este anuncio, “cando se trata dunha promesa baleira, que pretende desactivar o crecente malestar do persoal”.
Neste contexto, a Área Pública da CIG avanza a convocatoria de mobilizacións para que tanto os orzamentos xerais do Estado como os orzamentos da Xunta de Galiza contemplen incrementos retributivos que revertan a continua perda de poder adquisitivo que ano tras ano sofre o persoal empregado público.
Lembran que o Goberno español leva anos incumprindo os compromisos asinados, mantendo conxelados os orzamentos, atrasando procesos selectivos e perpetuando a precariedade e a paralización nas administracións.
Denuncian que o chamado "diálogo social" se converteu “nun teatro de xestos e titulares, nos que unhas persoas finxen negociar e outras fan de comparsa”.
A CIG leva anos advertindo da perda brutal de poder adquisitivo, iniciada co recorte directo do 5% das pagas extraordinarias (que nunca se recuperaron na súa totalidade) e agravada pola firma de acordos por debaixo do IPC e a renuncia dos grandes sindicatos estatais a defender en serio os intereses da clase traballadora. w ww.estado.cigadmon.gal correoweb: estado@cigadmon.gal “Fronte ao conformismo e a submisión, dende a CIG apostamos pola mobilización constante, tanto nas rúas como nos centros de traballo, reclamando salarios dignos, estabilidade e respecto ao público”, aseveran.
Neste camiño, a Área Pública da CIG iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a Proposición Non de Lei (PNL) rexistrada no Parlamento galego, coa que se demanda unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC para todo o persoal empregado público. “Non se trata de caridade nin de peticións "razonábeis", senón de xustiza social e de recuperación do que nos roubaron durante anos de recortes e inflación”.
Ademais, a CIG reclama un incremento salarial do 5 % para este ano no conxunto do sector público como paso imprescindíbel para comezar a compensar as perdas acumuladas, que dende 2010 xa suman preto dun 20% da capacidade adquisitiva. “Desde a CIG insistimos na necesidade de mobilización e de presión social porque entendemos que o futuro das condicións de traballo na administración non se defende só nas mesas de Madrid, senón tamén nas rúas e na acción colectiva.
O que nos xogamos non é unha porcentaxe de suba salarial, senón a dignidade de quen sostén día a día o servizo público e o dereito da cidadanía a unha administración ao servizo do pobo”, conclúen